O Sergas indemnizará con 95.000 euros a familia do paciente que morreu nun transplante de pulmón

CHUAC urxencias a coruña sanidade hospital saude

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Sergas a indemnizar á familia dun doente que faleceu despois de que non se lle detectase a tempo un neumotórax (colapso pulmonar) masivo.

Unha sentenza do TSXG estimou parcialmente o recurso interposto pola familia dun vigués, de 55 anos e transplantado de pulmón, que obriga á Consellaría de Sanidade a pagar 95.000 euros por este erro sanitario.

O paciente, que foi transplantado de pulmón no CHUAC en 2009, ingresou en xaneiro de 2014 no hospital vigués Meixoeiro por unha infección respiratoria severa e, após recibir tratamento, foi dado de alta ás dúas semanas.

Aínda así, días despois, ao presentar un empeoramento do seu estado, acudiu a Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde se lle realizou unha radiografía.

O médico que o atendeu determinou que presentaba un "patrón en relación a bronquiectasias xa coñecidas, probábel sobreinfección" e foi enviado ao seu domicilio con tratamento para esa suposta reagudización dunha EPOC.

Empeoramento polo Neumotórax dereito masivo

Mais poucos días despois, o día 20 de febreiro, volveu ao hospital, con disnea, tose e expectoración amarelada, e após unha nova proba diagnosticóuselle "neumotórax dereito masivo, que provoca inversión diafragmática e desprazamento contralateral do mediastino", ademais dunha insuficiencia respiratoria, polo que se decide o seu ingreso.

De feito, a primeira radiografía que se lle fixo cando chegou ao CHUAC foi posteriormente revisada (en abril), a petición do servizo de Medicina Legal e, aínda que nese momento diagnosticóuselle unha reagudización da EPOC, posteriormente determinouse que na imaxe xa se apreciaba o neumotórax.

Após ingresar no CHUAC, a situación do paciente foise deteriorando e tivo que ser sometido a unha intervención cirúrxica de urxencia. Ademais, na súa estancia no hospital sufriu unha infección por gripe A e detectóuselle tamén unha infección nosocomial. O seu estado agravouse progresivamente, até que faleceu o 17 de marzo.

Recurso diante o TSXG

A familia, representada polo avogado Cipriano Castreje, presentou unha reclamación ante o Sergas, que lle deu parcialmente a razón, ao admitir que o médico de Urxencias do CHUAC errara "na valoración do estudo radiolóxico do tórax", e acordou compensar aos prexudicados en 24.000 euros ao apreciar unha "perda de oportunidade".

Ao non estar de acordo coa resolución, presentaron recurso contencioso administrativo ante un tribunal de Santiago de Compostela, que determinou que se infrinxira a 'lex artis' e se producira unha grave demora no diagnóstico, polo que elevou as indemnizacións a 44.000 euros.

A muller e os fillos do falecido acudiron entón ao Tribunal Superior de Xustiza, que estimou parcialmente o recurso e, na súa sentenza, revoga a resolución de primeira instancia e aumenta as indemnizacións até 71.000 euros, aos que se suman os 24.000 euros recoñecidos na reclamación administrativa.