O Sergas fai un "chamamento masivo" á vacinación ante a onda de gripe

Vacinación contra a gripe no Ifevi de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Máis de 33.000 menores foron convocados para a súa inmunización na fin de semana.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, fixo esta sexta feira un "chamamento masivo" para a vacinación, en especial en menores de entre 6 meses e 11 anos, ante a "maior presión na onda epidémica da gripe" e a folga contra a reforma do Estatuto Marco do Goberno estatal convocada do 9 ao 12 de decembro.

"É un acto de xenerosidade, protexe a súa saúde e tamén a das persoas que están ao seu redor", sinalou, acompañado do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e da directora do Centro Galego de Control e Prevención de Enfermidades (Cegace), Marta Piñeiro.

Foi antes dunha reunión co persoal de enfermería do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña para abordar a vacinación extraordinaria de crianzas programada para esta sexta feira pola tarde e para a xornada do sábado nos hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

"A campaña de vacinación avanza de maneira adecuada, con 750.000 galegos e galegas vacinados", especificou o conselleiro para recalcar unha cobertura "moi boa en maiores de 80 anos, que está por encima de 80%".

Con todo, expuxo que a dos menores de entre seis meses e 11 anos está "un pouco máis baixa, en 50%". Por iso, a Xunta quixo incrementar a vacinación con estas xornadas extraordinarias dirixidas á poboación infantil. "Están citados a vacinarse 33.340 crianzas" desta franxa de idade, detallou.
 

Folga de médicos

Neste sentido, Gómez Caamaño explicou que a inmunización é "moi importante neste momento" debido a que a onda de gripe está "nun nivel baixo, pero a próxima semana pasará a nivel medio" e porque a folga médica convocada "paralizará catro días en moitos sitios a atención primaria e hospitalaria".

"Os hospitais van ter máis dificultades para dar altas co cal se pode xerar un círculo verdadeiramente perverso que é moita presión en Urxencias e pouca saída de pacientes de hospitais", advertiu.

Preguntado tamén sobre o grao de Medicina, o conselleiro reiterou que a Xunta "aposta pola descentralización da Facultade tanto na Coruña como en Vigo". "Cremos que é a mellor maneira de atender as necesidades dos estudantes de Medicina na Galiza", aseverou.