O Sergas estuda ampliar a vida laboral dos profesionais a 68 anos ante a falla de persoal

Afírmao CIG-Saúde.

Ampliar a vida laboral dos seus profesionais até os 68 anos de idade. Esta é a idea que, denuncia o sindicato CIG, baralla o Sergas para facer fronte á falta de persoal.  CIG-Saúde remitiu un escrito ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña e á Directora de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado Vaamonde, denunciando a falta de profesionais e demandando que se adopten con urxencia as medidas necesarias para garantir unha prestación sanitaria de calidade.

 

María Xosé Abuín,do sindicato nacionalista, lembra que a lei de medidas 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias de emprego público e os Plans de Ordenación de Recursos Humanos, recollen a xubilación obrigatoria aos 65 anos de idade. Denuncia que, porén, ante a falla de profesionais, no ano 2016, a consellaría de Sanidade, “sen modificar a devandita lei e os plans de ordenación de Recursos Humanos, decidiu ampliar a  vida laboral até os 67 anos” e que no ano 2018, o Sergas, “segundo se comenta, vai ampliar a vida laboral até os 68 anos”.

 

Abuín asegura que estas ampliacións da vida laboral fixéronse sen comunicación na mesa sectorial do Sergas, coa intención de evitar o debate no órgano de representación e negociación, da falla de profesionais e as posíbeis medidas a tomar.

 

Colapsos

 

A CIG-Saúde denuncia que a falta de profesionais dificulta a día de hoxe uhha prestación sanitaria de calidade, xera listas de espera en atención primaria por falta de cobertura de profesionais e colapsos nos servizos de urxencias. Isto xunto co incremento da precariedade laboral, xa que con menos profesionais hai que cubrir máis postos.