“É inxustificábel que o Sergas pague cregos mentres recorta persoal sanitario”

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Profesionais e colectivos de defensa do sistema de saúde público consideran "incomprensíbel" que o Sergas destine 659.000 euros a pagar cregos mentres na sanidade pública falta persoal e medios. Os servizos relixiosos, explican, entran na dimensión persoal e privada de cada quen e non deben ser sufragados con diñeiro de todos e todas. “Destinan 659.000 euros a cregos mentres xustifica recortes de persoal sanitario co argumento de que non hai cartos”.

O Sergas ten orzamentada para 2018 unha partida de 658.664 euros destinadas a persoal relixioso, unha cifra levemente superior á que destinou á mesma finalidade en 2017 (652.000 euros). Neste 2018 son 52 as prazas de relixiosos: 41 a xornada completa e 11 a media xornada. Desde asociación e colectivos de sanidade pública consideran que os cartos públicos na sanidade pública  debían ir, en boa lóxica, para a sanidade pública.

 

Manuel G. Moreira, médico de familia e un dos voceiros da plataforma SOS Sanidade Pública ,incide na contradición de que se destinen 659.000 euros a contratar servizos relixiosos para a sanidade pública “mentres desde o Sergas se xustifica o recorte de persoal en cuestións económicas”.  A Consellería argumenta para eses recortes que non hai cartos abondo mais si que os hai para pagar capeláns.

 

“Ese diñeiro ten que ir a garantir unha asistencia sanitaria a tempo e de calidade”, explica Moreira. “Non podemos asumir que se recorte persoal sanitario” e haxa partidas económicas de diñeiro público para pagar servizos relixiosos nos hospitais públicos.

 

Así, indica, a cuestión relixiosa entra no ámbito persoal de cada quen, polo que os servizos relixiosos na sanidade pública non deberían correr con eses gastos e custos. 

 

"Que demanda a sociedade?"

 

Na mesma liña se expresa Xosé Dios, médico especialista en Atención Primaria e implicado en plataformas de defensa da sanidade pública. "É anacrónico e incomptensíbel", considera. "Dinnos que non hai diñeiro para médicos nin para enfermería mais si que hai para pagar sacerdotes", afirma. Considera "de sentido común" que os servizos relixiosos non se paguen con diñeiro público e refuta o argumento do Partido Popular [que defende pagar estes servizos na sanidade pública "porque o demanda a xente"]: "Eu creo que a xente o que demanda é un bo servizo de urxencias, bos especialistas, que non haxa estas listas de espera...". Xosé Dios vé "inxustificábel" que non haxa cartos para garantir que ás persoas doentes sexan operadas en prazo mais si para servizos relixiosos. 

 

En 2018 o Sergas destina a pagar capeláns nos hospitais 3% máis que hai catro anos. Son gastos que figuran como “atención especializada”. Ao longo destes anos, oposición parlamentar e colectivos en defensa da sanidade pública pediron sen éxito que esa partida fose a outros destinos máis necesarios. O PP defende contra vento e maré que, en virtude daquel convenio asinado cando Romay Beccaría era conselleiro de Sanidade, eses miles de euros de diñeiro público vaian para pagar relixiosos.