Urxencias do CHUS nega a súa responsabilidade na espera de até 61 horas dun paciente de cancro

Pacientes amoreados nos corredores das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
O servizo tardou cinco meses en responder ao escrito e defende que o tempo que este doente pasou nunha padiola dentro da sala de observación recibiu "o mesmo tratamento" que se estivese ingresado en planta.

O paciente de cancro J.A.C.R. pasou até 61 horas agardando por unha cama en planta nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), após ingresar por unha deficiencia respiratoria, motivo polo cal a súa filla decidiu presentar unha reclamación perante o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Durante todo ese tempo ficou nunha padiola dentro da sala de observación, algo que, advertiu no seu escrito a demandante, "constitúe un uso desaxeitado da sala e sobrepasa de longo o tempo de permanencia nesa sala".

Con todo, desde o Hospital Clínico non responderon a esta reclamación até o presente mes de agosto e, tal e como denuncia a Asociación de Pacientes do CHUS, o escrito de respota contén numerosos erros, a comezar pola data de presentación da queixa, que foi o 22 de febreiro, máis de cinco meses atrás, e non o 22 de xullo, como refire o Sergas.

Aliás, engaden desde este colectivo, "como vén sendo habitual no CHUS, non se identifica o responsábel da resposta nin o cargo que ocupa, rachando a práctica legal de todas as administracións públicas. O noso servizo público de saúde segue movéndose nun limbo fóra do estado de dereito, un ámbito onde se incumpren as regras máis elementais, cuxa aplicación garante o exercicio dos dereitos".

Desde a asociación subliñan tamén que desde o CHUS teñen "a obriga de observar os estándares de calidade do Ministerio de Sanidade para as Urxencias", e polo tanto deben "garantir que os pacientes non poidan permanecer máis de 28 horas no servizo". Así, lamentan que no seu escrito o CHUS afirme que non pode "influír nestes feitos", alegando que os ingresos hospitalarios "son xestionados polo servizo de admisión".

"Cando se producen moitos ingresos para unha mesma especialidade e no mesmo día, ás veces os derradeiros permanecen en Urxencias máis tempo, á espera de que se produza unha alta", sosteñen.

Porén, desde o colectivo de pacientes replican, con base no código deontolóxico: "Non é correcto contestar que non poden desde o servizo influír nos tempos de espera dos pacientes no servizo. É a súa obriga deontolóxica esixir e denunciar a insuficiencia asistencial que comporta tempos de espera en urxencias por encima do recomendado".

Desde o hospital defenden tamén que o tempo que o doente de cancro ficou na sala de observación o tratamento recibido foi "o mesmo que se estivese xa en planta, para que o atraso non supoña desatención". "As urxencias non poden, nin deben, substituír a cama hospitalaria, senón que debe atender ao obxecto para o cal foi creado o servizo e que expresamente se recolle na Lei de Saúde da Galiza", responden desde a asociación.

"Indígnanos que se siga sen admitir por parte dos responsables do servizo que se está facendo un uso indebido dos servizos de urxencias e que se banalicen as consecuencias sobre a calidade asistencial de manter a pacientes en condicións inadecuadas. Os pacientes non precisamos que nos dean a razón, precisamos que os que teñen nas súas mans a nosa saúde e a nosa intimidade se comprometan con nós na esixencia de calidade asistencial e trato digno", conclúen.