O Sergas muda o protocolo de citas das persoas menores de 60 pendentes da segunda dose da vacina

Na Galiza, solicitan de forma maioritaria a segunda dose de AstraZeneca. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Tras constatar que a maioría do colectivo esencial menor de 60 anos escolle AstraZeneca na segunda dose, o Servizo Galego de Saúde modificou o chamamento destes traballadores e traballadoras para convocalas por SMS, sen consulta previa, como ao resto da poboación.

O Sergas citará o colectivo de traballadoras e traballadores esenciais menores de 60 anos para recibiren a súa segunda dose da vacina contra a Covid polo mesmo sistema que usa para o resto da poboación, é dicir, deixará de chamalos previamente para preguntarlles que vacina desexan recibir, dado que "maioritariamente" escollen repetir con AstraZeneca.

Así, enviaráselles un SMS para convocalos directamente no punto de vacinación, onde confirmarán a súa elección.

Primeiro ensaio

Adiantouno o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen ratificou que xa se optou por esta modalidade de citación esta pasada fin de semana na área de Pontevedra.

"Á vista de que todas as persoas menores de 60 anos para a segunda dose estaban a escoller maioritariamente Astrazeneca", cambiouse o modo de citación. Até agora, esas persoas eran contactadas telefonicamente de forma previa para constatar que vacina querían porna segunda picada, AstraZeneca ou Pfizer.

"Esa chamada previa faciámola para ter vacinas en 'stock' e telas alí cando fosen. Ao principio preguntábase para saber cantas tiñamos que ter, pero cando vimos que máis de 90 %, mesmo máis de 95 %, escollían AstraZeneca, directamente temos todas as de AstraZeneca, e ademais, unha pequena remesa de Pfizer por se algún quere optar por esa, como ten dereito a facer", explicou.

Desta forma, os traballadores esenciais menores de 60 anos que quedan por recibir a súa segunda dose, un grupo "relativamente pequeno", segundo o conselleiro, serán citados a través de SMS e, unha vez no punto de vacinación, preguntaráselles que composto desexan que se lles administre.

Demoras

O titular de Sanidade explicou que o cambio introducido esta fin de semana puido xerar algún inconveniente, como unha "ralentización" no fluxo de entrada ao punto de vacinación, xa que é precisamente á chegada das persoas cando se lles pregunta pola súa opción de vacina. Ademais, sinalou, moitas delas non levaban impreso e asinado o consentimento informado, e tiveron que facelo alí, o que restou algo de axilidade ao proceso.

Fontes do Sergas precisaron que, á marxe deses inconvenientes no acceso ao punto de vacinación, o novo modo de citación non xerou problemas de subministración nin de excedentes nas doses.

Sergas Móbil

Por outra banda, preguntado polos problemas técnicos no acceso á aplicación electrónica do Sergas, Julio García Comesaña sinalou que, coa posta en marcha do certificado dixital europeo, incrementouse a demanda de acceso á app Sergas Móbil, en concreto ao servizo e-Saúde.

"Os primeiros días si que houbo unha dificultade maior pero, en principio, desde a pasada cuarta feira -9 de xuño- xa non hai problemas de acceso", sinalou o conselleiro con respecto á aplicación, que tivo que ser sometida a unha actualización para superar esas dificultades técnicas.

Nese sentido, animou á poboación a facer uso da app e a rexistrarse para ter acceso á 'chave 365'. Segundo admitiu, a obtención desa clave require presentarse en dependencias da Xunta ou os centros de saúde para autentificar a identidade, e iso pode xerar algún problema, aínda que "as vantaxes que ten compénsano".