Sanidade pública

O centro de saúde de Cangas, "sen persoal facultativo": "É un auténtico recorte sanitario"

Cartaz pendurado na entrada do centro de saúde de Cangas.
"Estase a sobrecargar perigosamente o traballo do persoal, o que supón un castigo en toda regra por facer pública a grave situación existente fronte ás mentiras do Sergas, e tamén se está a pór en perigo aos pacientes por retrasos inevitábeis na asistencia", censura a CIG.

A CIG vén de denunciar que ao "recorte dunha médica" no centro de saúde de Cangas (O Morrazo), "de forma sistemática", pasando así de tres profesionais que deberían estar prestando servizo "a tan só dúas", haille que sumar na tarde desta sexta feira a "falta total de persoal facultativo" neste ambulatorio. Este feito, censura a central sindical, "supón que todas as consultas médicas programadas quedan totalmente canceladas, tendo que realizarse unha 'reasignación para cando resulte posíbel', o que supón, na práctica, o fechamento do centro de saúde".

Ademais, esta falta de persoal provoca que as dúas médicas do PAC de Cangas "terán que asumir hoxe a atención de todas as citas da tarde que non poidan ser adiadas, as urxencias e emerxencias de toda a veciñanza de Cangas e de Moaña e as de toda a poboación visitante que se atopa estes días na comarca", nunhas datas sinaladas por mor das Festas do Cristo.

Esta forma de proceder da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo representa, para as e os representantes da CIG no Morrazo, "un auténtico recorte sanitario", posto que "lonxe de ser unha situación eventual, trátase dun feito continuado no que se está a amortizar unha praza médica".

"Estase a sobrecargar perigosamente o traballo do persoal, o que supón un castigo en toda regra por facer pública a grave situación existente fronte ás mentiras do Sergas, e tamén se está a pór en perigo aos pacientes por retrasos inevitábeis na asistencia", censuran.

Resulta unha "situación habitual", lamenta a CIG, o feito de que o equipo médico de Urxencias "teña que saír do centro sanitario para atender unha emerxencia, quedando así unha única médica, ou mesmo ningunha, para asistir os usuarios que cheguen ao PAC".

Pese a isto, a postura oficial do Sergas segue a ser que "a situación esta totalmente controlada, que a asistencia está plenamente garantida e que se trata de situacións puntuais ou sobrevenidas".