O Sergas defende que non haxa urxencias en Moaña e di que os profesionais "prefiren" que estean unificadas en Cangas

(Foto: Nós Diario)..
 o BNG reclamou á Consellería de Sanidade que cubra a praza de médico que está ausente no consultorio de Corrubedo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeuonte na Cámara galega que Moaña (comarca do Morrazo) non teña urxencias porque os profesionais, dixo, "levan tempo dicindo" que "prefiren estar xuntos" no PAC de Cangas para "dar unha mellor dotación".

Así respondeu a unha pregunta no Parlamento de Paulo Ríos (BNG), quen lembra que os veciños de Moaña levan "61 semanas consecutivas" de protesta para reclamar a volta das urxencias. Esixe saber "cando" van restituír o servizo, pois "xa non caben máis escusas de mal pagador".

Respecto diso, Comesaña asegura que "é certo que se podían tomar medidas para que houbese un espazo de urxencias o máis próximo a Moaña", pero "o Goberno local tardou dous anos e medio en achegar a parcela", "mentres a Xunta vai resolver os seus trámites en seis meses".

Paralelamente, o conselleiro informou de que a pasada terza feira xa se incorporaron ao centro de saúde de Moaña dous novos médicos con praza fixa en quenda de tarde.

Noutra pregunta, o portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, reclamou a Comesaña o cesamento da xerente da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, Eloína Núñez. "É posíbel que estea de acordo coa decisión, outra cousa é que poida facelo", dixo en relación ao parentesco de Eloína Núñez, curmá de Alberto Núñez Feixoo.

Así, o deputado socialista relatou os conflitos que vive esta área, coa dimisión do xefe de Xinecoloxía ou a dimisión do xefe de Medicina Interna, entre outros.

En cambio, o conselleiro de Sanidade resolveu que a xestión "funciona ben" e "non hai caso", "independentemente de que de modo puntual poida xurdir algún problema que se acabe solucionando".

Noutra orde de cousas, o BNG reclamou á Consellería de Sanidade que cubra a praza de médico que está ausente no consultorio de Corrubedo, no municipio de Ribeira (comarca do Barbanza), desde o pasado mes de novembro.

Sobre este extremo, Comesaña sostén que se trata dunha baixa de longa duración, polo que se optou por unha reorganización e medidas como prolongación de xornadas e intersubstitucións "atéque se atope un médico ou se incorpore o que está de baixa". Sinala que hai un médico "todos os días" neste centro e "non hai persoas desatendidas".