Sergas deberá pagar 40.000 euros á familia dun falecido por non ser derivado ao Hospital de Ourense

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado ourensán.

O TSXG confirmou a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Ourense que condena o Sergas a pagar unha indemnización de 40.000 euros a muller e  catro fillos dun home de 88 anos que faleceu en 2015 após non ser derivado desde o Punto de Atención Continuada (PAC) do Carballiño ao servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo).

 

O home, segundo consta na resolución, foi enviado ao seu domicilio tras sufrir unha caída que lle provocou mazaduras na cabeza e non foi atendido no hospital até dous días máis tarde. “Non resulta indiferente ter a posibilidade de recibir atención médica permanente nun hospital durante esas 48 horas, coa posibilidade de administración de medicación que cohibe a acción das plaquetas, que permanecer no seu domicilio cunha hemorraxia interna”, subliña na sentenza o tribunal da Sección Primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG.

 

Os familiares do falecido reclamaban un aumento na indemnización, pero os maxistrados denegáronlla porque consideran correcto o baremo tido en conta polo xulgado de Ourense.