Xustiza

O Sergas, condenado a indemnizar con 9.000 euros un paciente polo acceso de forma indebida ao seu historial clínico

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. (Foto: Sergas)
O TSXG conclúe que a Administración "non esgotou a investigación á que viña obrigada pola reprobábel actitude do xefe do servizo e da persoa ou persoas que accederon indebidamente ao historial clínico".

A sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de condenar o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 9.000 euros un paciente porque o persoal accedeu de forma indebida ao seu historial clínico. Tal e como recolle o alto tribunal galego na súa sentenza, este paciente era precisamente auxiliar administrativo do Sergas e traballaba no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Alí, polo "deficiente funcionamento dos servizos públicos", o 25 de setembro de 2019 accederon de forma "indebida" ao historial clínico do denunciante. En concreto, a sala considera probado que "unha ou varias persoas que non puideron ser identificadas accederon ao seu historial clínico utilizando a tarxeta e número de PIN persoal do xefe daquel servizo que, ao parecer, deixábaa introducida e activada, de modo permanente, no computador, sendo o PIN coñecido pola maior parte dos traballadores do servizo".

Desta forma, o TSXG estimou o recurso de apelación interposto polo afectado e revogou a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago, a cal fixou a indemnización en 5.000 euros.

O tribunal explica na resolución que considera insuficiente esa cantidade para reparar o dano producido, "máxime cando a Administración non esgotou a investigación á que viña obrigada pola reprobábel actitude do xefe do servizo e da persoa ou persoas que accederon indebidamente ao historial clínico do actor, o que non resultaría difícil, dado o escaso número de traballadores no servizo".

Así, considera "máis axustada á gravidade do feito" esta nova indemnización, ante a "sorprendente postura da Administración, tratando de xustificar o inxustificábel", así como tamén ante o "dano moral producido ao actor e á difusión dos seus datos médicos ilexitimamente obtidos".