O Sergas é condenado a indemnizar con 172.000 euros á familia dunha muller falecida tras unha operación de oído

Edificio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (Foto: Europa Press).
O TSXG salienta a "mala praxe asistencial" tras unha operación de oído realizada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que se supuña "sinxela".

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar cun total de 172.000 euros ao marido e ás fillas dunha muller que faleceu en agosto de 2020, con 74 anos, por "mala praxe asistencial" tras unha operación de oído realizada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que se supuña "sinxela".

A sentenza do alto tribunal galego, con data de 2 de novembro, confirma a ditada o pasado maio polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo. A avogada da defensa foi María Teresa Ferreiro Navarro, do Bufete SDS Legal, encargado dos servizos xurídicos da asociación O Defensor do Paciente.

A paciente, portadora de audífonos, someteuse a unha operación o 15 de xuño de 2020 dado que nos meses anteriores estreitáraselle o conduto auditivo, o que lle dificultaba empregar o dispositivo. Así, someteuse a unha meatoplasia, unha intervención da que lle comentaban a súa "sinxeleza e mínimo risco", tal e como recolle a sentenza, a pesar de que o seu doutor de confianza lla desaconsellara.

O problema era que, facía 58 anos, cando a muller tiña 16 de idade, operárana por un coleostoma no oído esquerdo, uns antecedentes que facían que a meatoplasia estivese contraindicada porque a paciente non contaba cunha barreira ósea na meninxe.

Tras a operación

En calquera caso, o 15 de xuño someteuse a esta intervención durante a cal os facultativos realizaron unha incisión que provocou a saída de líquido cefalorraquídeo. Días máis tarde, colocóuselle unha drenaxe lumbar externa e, a partir de aí, "presentou unha deterioración xeneralizada, evidente para os seus familiares, mais non para o persoal facultativo que consideraba que todo era normal".

Entre finais de xullo e principios de agosto, realizáronlle dous craneotomías e, ante o "mal prognóstico" que presentaba, acabou falecendo o día 12 de agosto con 72 anos. "A xuízo deste tribunal, a incisión aludida era letal de necesidade. E mal se comprende que por unha intervención sen aparente risco á que se somete unha persoa sen outro problema que o auditivo que arrastraba desde os 16 anos perda a vida pola penosa asistencia recibida", recolle o TSXG.

De feito, a sala insiste en que "os únicos responsábeis foron os facultativos" porque, "tendo a obrigación" de ser coñecedores da intervención que lle fixeran durante a súa adolescencia, "non o fixeron". É máis, a doutora que operou á muller recoñeceu que "de coñecer" a ausencia desa barreira ósea, "non procedería á cirurxía".

Así, o TSXG aprecia a "mala praxe" asistencial sufrida e confirmou a sentenza previa que obriga ao Sergas a indemnizar con 75.000 euros ao marido da falecida, con 53.000 euros a unha filla e con 22.000 a cada unha das outras dúas. Cómpre subliñar que a familia solicitaba case 230.000 euros de indemnización, unha contía que non estimou o xulgado de primeira instancia.

Tras coñecer esta sentenza, contra a que aínda cabe recurso ante o Tribunal Supremo, a presidenta do Defensor do Paciente, Carmen Flores, lamentou que houbese que acudir á vía xudicial "para recoñecer a mala praxe, cando era evidente e así o recolle a sentenza".