A mobilización social polo centro de saúde de Seixo acada o compromiso do Sergas de mantelo aberto

Manifestación da veciñanza para loitar polo mantemento do ambulatorio do Seixo. (Foto: Plataforma veciñal)
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, descarta o fechamento do ambulatorio malia que a plataforma veciñal desta zona de Marín denunciara que recibira esa ameaza. Foi un dos motivos polos que comezaron as protestas públicas para garantir a atención sanitaria nos lugares de Seixo, Santomé, O Campo e Ardán.

O conflito xerado arredor da posíbel desaparición do centro de saúde de Seixo, en Marín, -pois a veciñanza viña asegurando que o Sergas fixera esa ameaza- chegou esta cuarta feira ao Parlamento, onde o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña garantiu "a continuidade asistencial" nesta instalación sanitaria que da servizo á poboación de Santomé, Ardán, Seixo e O Campo.

Malia que o representante da Xunta acusou o deputado do BNG Paulo Ríos de crear polémica ao levar o asunto da atención primaria nestas zonas á Cámara. "Vostedes poden seguir alimentando polémicas artificiais, mais a poboación comprobará quen di a verdade", afirmou García Comesaña.

"Vostedes manipulan", dixo, para continuar: "Non hai ningunha intención de fechar este centro de saúde".

No entanto, a plataforma veciñal creada para protexer o equipamento si afirmara que existía unha ameaza sobre o mesmo, polo que após o compromiso do responsábel do Sergas semella que a mobilización cidadá tivo efecto.

Cómpre lembras que hai só uns días arredor de 3.500 persoas, segundo cifras da organización, percorreron varias rúas do concello de Marín para exixir que se cubran as prazas que quedarán baleiras en agosto por dúas xubilacións e non desapareza o ambulatorio do rural, pois implicaría maiores desprazamentos para a veciñanza.

O colectivo chegou a pedir "compromisos claros e por escrito á Xunta para cubrir todas as prazas do centro de saúde de Seixo e garantir unha asistencia sanitaria digna nas parroquias, que evite o desmantelamento do consultorio".

Garantías para as prazas de médicos

A este respecto, o titular de Sanidade asegurou que vai seguir a "asistencia". "Este centro dispón de dúas prazas de Medicina Familiar e Comunitaria, que non se contempla amortizar e que seguirán prestando servizo asistencial", afirmou.

No entanto, destacou que ante a escaseza de profesionais para cubrir a xubilación dun doutor -a outra é dunha enfermeira, pero o conselleiro non aludiu á mesma- "o Sergas procurará alternativas administrativas que poidan cubrir esa ausencia, mentres non se poda efectuar a cobertura con estabilidade".

Na mesma comparecencia, o representante do Goberno galego defendeu todo o procedemento vinculado á apertura dun expediente ao xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo.