O Sergas comeza a chamar os 11.657 maiores de 60 que ficaron sen vacinar

Unha das primeiras convocatorias de vacinación masiva na Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Feixoo advirte: "haberá restricións no verán" e volve sinalar a mocidade.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comeza mañá a citar para inmunizar contra a Covid-19 as 11.657 persoas maiores de 60 anos nunha "repesca" da vacinación. En concreto son 8.563 persoas de entre 60 e 69 anos e 2.403 de 70 a 79. Todas elas non foron inmunizadas por non atenderen a mensaxe telefónica da cita, porque o Sergas non tiña o seu teléfono ou por outros erros relacionados coa comunicación. 

Así o anunciou esta quinta feira o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, na súa comparecencia após a reunión semanal do Consello da Xunta. "Pedimos que estean pendentes a esa notificación", dixo Feixoo, que espera que ao longo da próxima semana reciban o antídoto contra a Covid-19 esas 11.657 persoas e deixar así completa a vacinación das e dos maiores de 60.

Axudas a autónomos

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publica hoxe o terceiro plan de rescate a autónomos e pemes da Xunta, dotado de 234 millóns de euros transferidos polo Goberno estatal. O prazo de solicitude abre este 14 de xuño, unha data que Feixoo remarcou na comparecencia, xa que as axudas se conceden por orde de solicitude e xa advertiu de que teme que o fondo transferido polo Estado non sexa suficiente para cubrir todas as solicitudes que se reciban. 

Restricións en verán 

A pesar da desescalada, Feixoo avanzou que este verán será con "restricións", pois o "virus" segue "infectando" diariamente. Neste punto, e ao igual que fixo no outono, volveu sinalar a mocidade, dirixíndose a ela para pedir "prudencia". Tamén sinalou de maneira concreta os "bares de viños", onde "é moi difícil" observar as medidas de distancia social e que son "sen dúbida un foco de risco moi superior".

Seguro peregrino

Na comparecencia, Feixoo fixo fincapé en que desde o 1 de xuño e até maio de 2022 está en vigor o seguro para turistas que cobre até 5.000 euros por visitante en caso de gastos médicos, quirúrxicos, farmacéuticos ou hospitalarios a consecuencia do coronavirus.

A cobertura é ilimitada en caso de repatriación sanitaria ou por falecemento por Covid-19.

Medallas Castelao

O Consello da Xunta resolveu outorgar as Medallas Castelao 2021 a Santiago Pemán, o "home do tempo" durante décadas na TVG; Xosé Luís Saco, ex presidente da Fundación Otero Pedrayo; a xornalista Esther Eiros, o promotor da integración xitana Manuel Vila e o Centro Superior de Hostalaría da Galiza.