Responsábel de Servizo do HAC de Vigo: “Fun reprendida por superiores por empregar máscara”

[Imaxe: Galipedia] Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Un post no facebook de Eva Maquieira, responsábel de cirurxía Plástica, Reparadora e Estética no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, moi crítico coa xestión da crise do coronavirus por parte dos responsábeis sanitarios, estendeuse nas últimas horas polas redes sociais e situouse no epicentro da polémica, ao afirmar unha familiar súa (tamén a través de FB), que esa crítica leva á “destitución” da profesional, se ben o cesamento non está confirmado oficialmente. 

Eva Maquieira estaba este sábado de “illamento forzoso” na súa casa, explicaba no FB, mentres agardaba polos resultados dun test de coronavirus que se fixo no Meixoeiro polo método de non baixar do vehículo, un método que, lembra, se puxo en marcha de forma pioneira na área sanitaria de Vigo.

Esta facultativa mostra a súa confianza total na sanidade pública e nas súas profesionais e alaba a disposición e compromiso de todas elas para combater o coronavirus.

Mais, engade, “tamén sentín moita rabia e impotencia, recoñézoo. Sobre todo ante a falta de liderado por parte dos mandos directivos da Sanidade Galega (aqueles que traballan desde despachos mais non con pacientes reais)”.

Afirma que “fun criticada e reprendida polos meus mandos superiores por empregar máscaras cirúrxicas desde hai unha semana na miña actividade diaria no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia de 1 metro”.

“Tacháronme de irresponsábel por ir xerando alarmismo na poboación”, escribe, para apontar que hai apenas unhas semanas, se tivesen contacto cunha persoa que daba positivo “suporía por protocolo 14 días de corentena (como cando se deu o primeiro caso en Urxencias hai 2 semanas)”.

“Reconcómeme a importencia ver como os meus compañeiros se afanan por inventar proteccións con bolsas de plástico, con telas, gafas de buceo, separadores de libretas... (...)”.

O post tivo un importante eco entre profesionais sanitarios da área de Vigo, que trasladan a Eva Maquieira o seu apoio e solidariedade.