Social

O Sergas asegura que as televisións xa son gratuitas en varios hospitais

Pantalla nunha habitación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Sergas).
O Sergas explica que se está implantando a medida, que xa é unha realidade nos hospitais de Compostela, Vigo, Pontevedra e A Coruña.

Todos os hospitais da rede do Servicio Galego de Saúde (Sergas) están a facilitar a gratuidade das televisións das habitacións de pacientes que son de pago. Así o manifesta esta sexta feira a Consellaría de Sanidade, após as peticións de formacións como o PSdeG e Ciudadanos. 

O Sergas explica que a pasada segunda feira se comezou a aplicar esta medida e que, na actualidade, "xa está implantada nos hospitais de Compostela, Vigo, Pontevedra e A Coruña; así como no Hospital da Mariña e no de Ferrol.

Desta maneira, trasladan que o sábado implantarase tamén nos hospitais de Lugo e Monforte e que a xerencia da área de Ourense "está a traballar para buscar a solución técnica que permita facer operativa esta medida canto antes". 

Para o Sergas esta actuación é un "complemento" das medidas preventivas especiais nos centros sanitarios, co obxectivo de "manter unhas boas prácticas de prevención e contención da enfermidade". En concreto, lembran a limitación a unha persoa como acompañante do paciente durante a estadía no centro sanitario.