O Sergas actualiza o protocolo de visitas en centros sanitarios

Interior do hospital (Sergas).
O Servizo Galego de Saúde informou da mudanza do protocolos os xerentes das sete áreas sanitarias do país.

O Servizo Galego de Saúde vén de  presentar aos xerentes das sete áreas sanitarias de Galiza a actualización do protocolo para o réxime de visitas e acompañamento nos centros sanitarios galegos, adaptándoo á situación epidemiolóxica actual.

Seguen en vigor medidas xerais

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria lembra que continúan en vigor medidas e limitacións xerais, como respectar os aforos estabelecidos nas habitacións e outros espazos dos hospitais, estar en posesión do Certificado covid,  ademais do uso continuo da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal.

Así mesmo, os acompañantes e as visitas de pacientes con infección por Covid-19, deberán facer uso do equipamento EPI para coronavirus.

O protocolo recolle os criterios a cumprir polos acompañantes e visitas dos pacientes e usuarios en diferentes ámbitos, como son: as unidades de hospitalización convencional,  as UCI, en Urxencias, nas consultas externas, no acceso aos hospitais de día e probas diagnósticas así como nos centros de atención primaria.

No caso das unidades de hospitalización convencionais, permitirase a presencia dunha persoa nas visitas ou acompañamento por cada un dos pacientes ingresados. De tratarse de persoas con infección activa por Covid-19, permitirase o acompañamento dunha persoa por paciente, debendo acceder á habitación co equipo de protección individual axeitado. 

O BNG xa solicitara mudanzas

O pasado 11 de febreiro, A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xa solicitaba unha revisión dos protocolos de acompañamento das persoas hospitalizadas con Covid. Facíao após reunirse con Manuel Iglesias, mozo que non puido visitar a súa nai antes de falecer estando ingresada no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde o BNG instaban a Xunta a que mellorase os protocolos para poder ofrecer un "trato o máis humanizado".