O Sergas abrirá 25.000 novas autocitas para mocidade de 16 a 22 anos esta semana

Vacinación no centro habilitado en Vigo (Foto: Europa Press).

Galiza porá en marcha 25.000 autocitas para que mozas e mozos de entre 16 e 22 anos soliciten a vacina da Covid-19. Aliás, ante as longas colas de agarda rexistradas na vacinación en Vigo, o Sergas culpa a mocidade por acudir antes da hora que fora citada. Por outra banda, a OMS pide priorizar as vacinas para persoas de alto risco e traballadores sanitarios no mundo sobre as e os adolescentes.

Tras fixar as necesidades de doses da vacina contra o coronavirus para “as repescas”, Galiza abrirá “de inmediato” até 25.000 autocitas máis para mozas e mozos de entre 16 e 22 anos, grupo de idade en que se rexistra na Galiza "un incremento moi importante" de contaxios da Covid-19 no marco da pandemia. Así o anunciou esta cuarta feira, 4 de agosto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

Trasladouno en declaracións aos medios en Ribeira, onde tamén ratificou que nos próximos días comezarase a vacinar de forma xeral a poboación de 22 e 23 anos. "E nos próximos días imos abrir un número de até 25.000 autocitas a mozos de entre 16 e 22 anos. Abrirémolo nos próximos días e anunciarémolo con antelación para seguir incorporando os mozos con incidencia máis alta. Espero que estas 25.000 citas as poidamos implementar a finais desta semana para poder empezar a próxima coa vacinación de entre 22, 21 e 20 anos", dixo o presidente galego.

Aínda que inicialmente concretou que esas autocitas poderían beneficiar especialmente mozas e mozos "con maior necesidade", que teñan que realizar viaxes de estudos ou saídas da Galiza, precisou que poderán acceder a elas o conxunto da poboación de entre 16 e 22 anos.

En paralelo, citación “forzada”

En canto a quen non consiga cita por esta vía, precisou que se continuará coa chamada “forzada” desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) por orde cronolóxica de idade.

Previamente, onte, 3 de agosto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou nunha comparecencia parlamentaria que na Galiza serían citadas esta semana 135.000 persoas para vacinarse entre o 2 e o 8 de agosto, deles 5.900 serían “repescas” para maiores de 40 anos que non recibisen a pauta até a data.

"Sensación falsa de seguridade"

Ademais, no caso da mocidade, tras incidir no "incremento moi importante" de novos contaxios no grupo de 16 a 22 anos, ligou esta situación a unha "certa sensación falsa de seguridade" neste colectivo, sobre todo porque teñen aos familiares de maior idade (pais, avós ou irmáns, citou) xa inmunizados.

Neste punto, volveu a alertar do impacto do variante delta -na que basta "un contacto de segundos" para contaxiarse- e engadiu, ademais, que os expertos auguran que, dado que o virus segue mutando, haberá novas variantes que poden ser aínda "máis agresivas".

O Sergas defende a organización da vacinación no Ifevi de Vigo ante as longas colas e as críticas pola falla de persoal

O Sergas saíu este 4 de agosto ao paso das críticas polas longas colas de mozas e mozos no proceso de vacinación contra a Covid-19 no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) nas últimas horas. Sanidade atribuíu as aglomeracións á cantidade de persoas que acudiron fóra da hora á que foran citadas, e defendeu o dispositivo e o número de persoal.

O rexedor vigués Abel Caballero lamentou que, na xornada de onte, terza feira 3 de agosto, moitas persoas mozas tiveron que facer "colas de hora e media", e vinculou esa situación á "falta de persoal". "Exíxolle á Xunta que poña a máis xente vacinando", proclamou.

Ante estas críticas, o Sergas fixo público un comunicado no que lamentou que o alcalde de Vigo tente utilizar a Covid-19 "para facer política" e negou "rotundamente" que o dispositivo do Ifevi funcione mal. De feito, subliñou que o dispositivo recibe a diario "felicitacións por parte de miles cidadáns" que acoden a recibir a vacina.

Segundo engadiron as mesmas fontes, se se produciron colas na terza feira foi porque "moitas persoas que estaban citadas á primeira hora da mañá acudiron máis tarde, acumulándose desa forma máis citados dos previstos en determinados momentos". En todo caso, negaron as esperas de hora e media denunciadas polo alcalde.

A OMS pide priorizar a vacinación en persoas de risco

Por outra banda, o director executivo de Emerxencias Sanitarias da Organización Mundial da Saúde (OMS), Bruce Aylward, insistiu este 4 de agosto na importancia de priorizar outros grupos de alto risco antes que as e os adolescentes para chegar a 10% da poboación vacinada a finais de setembro e saír así da fase máis grave da pandemia.

"Se queremos chegar a 10% en todos os países a finais de setembro, fariamos moito para protexer a traballadores de todos os países e a partir de aí poderase baixar a idade cara a poboacións máis novas", explicou, lembrando que o obxectivo é salvar "o maior número de vidas posíbeis e evitar cadros máis graves".

"Claro que os adolescentes corren risco de infectarse pola Covid-19, pero as enfermidades serán menos graves e non corren risco de ser hospitalizados", asegurou, para reiterar que "hai que considerar isto desde unha perspectiva global e protexer ás persoas que teñen máis risco ata finais de setembro".

Nesta liña, a directora das campañas de inmunización da OMS,  Katherine Ou' Brien, lembrou que hai que centrarse en "previr enfermidades graves, hospitalización e morte, porque isto é o que crea presión sobre o sistema sanitario, coas consecuencias que ten isto sobre a economía e as familias". A cuestión, proseguiu, é "se os adolescentes contribúen a este espectro de consecuencias graves da pandemia, e a resposta é que non", sentenciou.

"Os mozos non tenden a presentar consecuencias graves da enfermidade, e este elemento é fundamental para garantir a prioridade máis alta en materia de vacinación ás persoas e aos grupos que teñen máis risco", insistiu. "Finalmente ampliarase a vacinación a estas poboacións, pero hai que focalizarse agora noutras prioridades antes de poder baixar a idade ou considerar outros grupos que poderían beneficiarse mais que aínda non son os que corren un risco máis alto", concluíu.