Ana Xesús López/Sermos271

“Por ser muller sempre tes que estar demostrando que vales e iso resulta esgotador”

[Imaxe: Cedida] Ana Xesús López

Doutora en Ciencias Físicas pola USC, Ana Xesús López é profesora da Área de Enxeñaría Mecánica da UDC e forma parte do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL). Desde 2012, é a directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, que vén de aprobar un regulamento interno que recoñece o dereito á identidade de xénero, ao permitirlle ao estudantado empregar o nome que decida. Desde decembro de 2015, é a presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) de Galiza. Conversamos con ela sobre ciencia e xénero. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 271.

Cal é a situación das mulleres na ciencia?

A paridade en canto a número de alumnas que se titulan está conseguida, estamos por riba diso, hai máis mulleres que homes se atendemos aos títulos universitarios, mais iso é só ao saír da universidade. Cando seguimos avanzando na carreira investigadora, ao chegar ao doutoramento estamos 50 a 50, mais a partir de aí chegan os problemas e imos perdendo mulleres e imos quedando nas posicións máis baixas do sistema. Cando se chega ao nivel máis alto, por exemplo, catedrática nas universidades, temos só un 17% na UDC. Pasamos dun 50% de mulleres doutoras ao 17% de catedráticas.

 

Nalgún momento da túa carreira como científica sentícheste discriminada?

En moitos, directamente prexudicada e discriminada por ser muller. Absolutamente. É o máis normal. A miña situación laboral viuse prexudicadísima polo feito de ser muller. Estiven durante moitos anos nunha situación laboral que era inferior á que me correspondía polos méritos que tiña de investigación e docencia polo feito de ser muller. Mais, aparte diso, no día a día notas cousas. Sempre tes que estar demostrando que vales, que vales... iso é esgotador. As mulleres o que temos que facer é crear redes de apoio, porque cando sofres unha discriminación brutal acabas pensando que foi culpa túa. Isto que nos din sempre que ocorre coas vítimas da violencia de xénero. Acabas sentindo como se ti foses a culpábel e até non contas as cousas, até tes medo a contarllo á xente, mais resulta que falando un día cunha muller descobres que a ela lle pasou algo semellante, e a outra igual, e a outra igual... e xa non somos unha, xa non son eu o bicho raro e ves que entras dentro da normalidade. Esa creación de redes axúdate a estar con xente que comprende o que pasaches, axuda a superar iso, a sacar a resiliencia e a sentirte apoiada por máis xente. É un pouco a idea de AMIT.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 271, á venda na loxa e nos quiosques habituais]