RUT LEóN, XITANAS FEMINISTAS POLA DIVERSIDADE

"Ser muller é difícil, porén aínda o é máis sendo xitana"

Rut León [Imaxe cedida]

Estereotipos, prexuízos, descoñecemento e invisibilidade marcan a realidade das mulleres xitanas. Unha asociación feminista traballa agora por superar, din, "os límites que nos foron impostos".

 

Rut León é técnica en intervención social e integrante de Xitanas feministas pola diversidade, unha asociación fundada no Estado español que recentemente xerou un espazo propio tamén na Galiza, concretamente en Lugo. A súa loita reflicte a intersección dos feminismos de fronteira, aquelas mulleres que para alén de loitaren polos seus dereitos como mulleres teñen que combater o racismo e a exclusión social. Con ela conversamos sobre a cultura xitana, o papel das mulleres na súa comunidade e os prexuízos e estereotipos cos que conviven.

Como xorde Xitanas feministas pola diversidade...
Na asociacion coñecémonos todas. Somos mulleres xitanas que tentamos saír dos límites que nos foron impostos. Atopámonos en colectivos e organizacións que traballan na comunidade xitana mais nacimos porque cremos que é de xustiza social loitar polos dereitos das mulleres xitanas. Cada unha desde o seu territorio. Cando xorde Xitanas feministas pola diversidade entendiamos que era o momento de que houbese un espazo propio que procure solucións ao que a comunidade necesita.

Cales son as reivindicacións do colectivo?
Queremos visibilizar que somos iguais que o resto mais que non se nos contempla nas políticas de igualdade, como si acontece con outras. Ninguén fala das mulleres xitanas, fomos as invisibilizadas. Queremos derrubar a percepción que existe das mulleres xitanas, que somos analfabetas, que roubamos... Iso é un estereotipo. Queremos crear o noso propio feminismo como tamén fixeron as paias. E para iso, o primeiro é comezar a escribir a nosa historia. 

"Era o momento de que houbese un espazo propio que procure solucións ao que a comunidade necesita·

Cal é a realidade das mulleres xitanas no seo da comunidade calé?
Somos mulleres xitanas pola diversidade. Cando falamos de diversidade referímonos á realidade de cada unha que ten os seus costumes, tradicións, festas... [refírese ás integrantes da asociación que proceden de distintos territorios do Estado español]. Somos diferentes e esa diferenza enriquece a asociación. Na Galiza a muller xitana está pouco preparada, non conta con formación, casan moi novas... O noso obxectivo é empoderar as mulleres xitanas e que decidan por si propias que queren facer. E preguntaraste, por que as mulleres e non os homes? Ser muller é difícil porén, aínda o é máis sendo xitana. Así as cousas, os homes teñen que acompañarnos pois o feminismo é igualdade. 

Cal é o papel das mulleres na comunidade xitana?
É moi importante porque é o motor da nosa cultura e a transmisora dos valores. É a que coida, a que axuda, a que forma, a que educa. É fundamental, sen elas non existiría o pobo xitano. 
 
Que acollida tedes Xitanas feministas na vosa comunidade? E entre as mulleres xitanas?
Os homes están asustados, non entenden o feminismo mais as mulleres din 'non cases', 'eu quero que a miña filla sexa coma ti, que estude'. Apostamos nas novas xeracións e na xente que quere saír desa realidade, pois existe moita discriminación xerada polo descoñecemento e os prexuízos. Mais nós queremos dar a coñecer a cultura xitana e amosar a súa diversidade. De feito, na asociación hai traballadoras sociais, educadoras sociais, técnicas de intervención social, artistas...

"Existe moita discriminación xerada polo descoñecemento e os prexuízos" 

Existe unha visión estereotipada tamén no movemento feminista quer do rol das mulleres na familia xitana quer da súa situación na propia comunidade?
Si, sen dúbida. 

Os medios de comunicación contribúen a fixar eses estereotipos e prexuízos?
Si, e dígoo sen reparo. As informacións referidas á comunidade xitana levan sempre palabras chave como 'etnia', 'clan' ou 'briga'. Titulares como 'Morren dúas persoas e un xitano'. Iso non se pode permitir. Debería eliminarse. Somos españois, chegamos en 1415 e tardamos centos de anos en que fosen recoñecidos os nosos dereitos e obrigas. Aínda existen colexios que son guettos. Os medios poden axudar ou tirar por terra o traballo de moito tempo. Debe transmitirse a información con sumo coidado pois está ao alcance de todo o mundo. 

Algunhas tradicións xitanas teñen sido fortemente criticadas como as bodas a idades temperás ou a proba do pano para garantir a virxinidade. Que opinión ten o movemento feminista xitano ao respeito?
En realidade, o pano, non é un costume xitano senón que comezou a facelo Isabel a Católica e a comunidade xitana continuou a facelo. A nosa posición é que aquelas mulleres que queiran continuar con esta tradición que o fagan, nós non imos condicionalas, non somos quen para facelo. Mais respectarémolo sempre que sexa unha decisión propia e non imposta. Hai moitas cousas da nosa cultura que cremos deben estar aí como a vida familiar, os nosos valores. Mais outras deben ser remprazadas para poder avanzar. 

Existe racismo cara á comunidade xitana?
Si, esta sociedade é racista. Unha evidencia clara é que na RAE se define xitano como trapaceiro [ladrón]. Os xitanos non son trapaceiros, eses son Rajoy, Bárcenas, a infanta, e non son xitanos. Eu mesma tiven experiencias persoais nas que fun discriminada como ir a unha entrevista de traballo en igualdade de condicións que o resto de persoas, por teléfono todo moi ben mais cando me viron acabaron por me dicir: 'non es o perfil que estamos buscando'. Situacións coma esa, por desgraza, hai mil.