Análise

Sentir desprazado. Cando as emocións é o último que se atende

As persoas ao longo da vida estamos expostas a unha infinidade de eventos vitais, moitos chegando a poñer en risco a vida mesma. (Ilustración: Álex Rozados)
O psicólogo membro do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia Hafdallah Menni prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.

O mundo é tremendamente inxusto; esta inxustiza é palpada cando tes que soster a quen foxe da guerra e decides acompañalos nunha viaxe interna, para que sintan que aínda están vivos e que non todo está perdido. A Vitali, a Warda e a Petronila ninguén lles falaba do que ían vivir, tampouco lles falaron do que ían sentir: non había tempo, nin forza, nin esperanza para mirar dentro e integrar todo o vivido nas últimas semanas. O obxectivo é seguir fuxindo, sen mirar atrás. 

As persoas ao longo da vida estamos expostas a unha infinidade de eventos vitais, moitos chegando a poñer en risco noso benestar, e ata a vida mesma. Estas situacións que nos exceden, por inesperadas, intensas, desbordantes requiren de medios excepcionais. É tarefa da psicoloxía de emerxencias amortecer o impacto emocional que estas situacións xeran na persoa ou colectivo.   

Entendemos unha crise psicolóxica como un estado en que as ferramentas e os mecanismos psíquicos que adoitaban ser utilizados por unha persoa para manexar e resolver distintas situacións non funcionan. 

Estas situacións imposibilitan o funcionamento ou a operativa da mesma forma que noutras situacións. O desbordamento emocional é tal que a persoa se ve excedida, supoñendo para ela unha transformación non contemplada que pode chegar a romper con todo o coñecido. O evento ou o trauma é tan forte que a persoa é incapaz de poñelo en palabras, non é quen de significalo. É por iso que se di que as ferramentas ou os mecanismos que se utilizaban sempre, non funcionan. A crise debe de ter un estado de transitoriedade e non ser normalizado polas persoas. Con todo, en moitas ocasións este estado eternízase e remata por naturalizarse, o que xa non é unha crise, senón un novo estado, unha franca orde de desequilibrio, o cal inhabilita aínda máis a persoa para atopar unha solución. 

Que pasa cando a situación crítica é a guerra? Que pasa cando o tempo aprema e a fuxida é inevitable? Que pasa cando a única equipaxe é a incerteza e a indefensión?

Acompañar a Vitali, a Warda e a Petronila no que é, probablemente, o peor momento da súa vida, non é unha tarefa fácil, quizais tampouco haxa unha resposta a todo o aluvión de preguntas que as invaden. Unha das primeiras reaccións instintivas é a necesidade de atopar un sentido ao que ocorre, un sentido ao absurdo, á inxustiza, ao perdido, un indicio de lucidez para encaixar o ocorrido, para asimilalo, para poder seguir avanzando sen que a culpa nos paralice. 

Cando a crise é a guerra ou ter que abandonar todo o que construímos, o coñecido, o vivido; a incerteza e as perdas ou os dós múltiples son innumerables (o estilo de vida, as persoas, os lugares, as pertenzas…) que hai que acompañar e sobre as que é necesario intervir. Aparece tamén a incerteza para adaptarse a un novo contexto, uns códigos culturais, unha lingua, uns costumes.

Trátase de despatoloxizar a ollada: o enfermo é a situación, non a persoa, á que hai que facerlle ver que os seus recursos persoais e as súas fortalezas seguen aí

Nestes primeiros momentos de chegada e onde as emocións recobran unha intensidade inusual, dolorosa e desproporcionada, os psicólogos e psicólogas de emerxencias temos a tarefa de acompañar, propiciar na persoa unha narrativa adaptativa do sucedido, sentirse sostida, vista e asistida. Sempre desde a dignidade humana e contando cos propios recursos e fortalezas persoais.

Un dos primeiros obxectivos nunha intervención destas características é darlle o permiso á persoa para que poida poñer en palabras o que está a sentir, normalizar as súas respostas e incidir no anormal da situación que lle tocou vivir. Trátase de despatoloxizar a ollada: o enfermo é a situación, non a persoa. Falar coa persoa, non cos seus síntomas, facerlle ver que os seus recursos persoais e as súas fortalezas seguen aí, a pesar do anormal e inhumano da situación.

Vitali, Warda e Petronila están decididas a seguir soñando, porque sobre calquera experiencia, os seres humanos temos esa capacidade tan natural, tan nosa, tan da vida que é rexurdir e seguir loitando por aquilo que nos importa.

O mundo é mundo, a inxustiza pertence á perversión duns poucos.