Unha sentenza recoñece o dereito aos complementos de labor docente e investigador ao profesorado axudante doutor

Investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela nun laboratorio (Imaxe: Arxina).

A CIG-Ensino comezou en xaneiro de 2018 un camiño de reclamacións xudiciais para rematar coa discriminación do persoal docente e investigador con contrato temporal. Vénse de facer pública unha sentenza que dá froitos e que recoñece o dereito aos complementos de labor docente e investigador ao profesorado axudante doutor.

A estimación parcial por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galiza (ACSUG) da demanda da CIG-Ensino implicou xa en 2018 o a reapertura do prazo para que o persoal temporal puidese participar na solicitude dos complementos autonómicos polos labores docentes e investigadoras. Mais a axencia limitara ese dereito ao persoal interino.

“A propia Consellaría de Educación negouse a recoñecer calquera posibilidade de interlocución para solucionar un conflito que afectaba centos de docentes universitarios que, traballando a xornada completa (un dos requisitos da convocatoria) non tiñan un contrato fixo”, lembra a CIG-Ensino.

O sindicato maioritario no sector explica que os seus servizos xurídicos recorreron a denegación do dereito á avaliación para estes complementos a unha profesora axudante doutora da USC na convocatoria do 21 de febreiro de 2019. E agora, un xulgado vén de determinar que a exclusión fundamentada no Decreto 55/2004 non se axusta a dereito.

A sentenza insiste en que non se pode diferenciar a figura de axudante doutora doutras temporais, ao entender que non existe ningún “elemento concreto, obxectivo e transparente que xustifique que como profesora axudante doutora… careza do dereito a ver remunerado o seu esforzo formativo en igual xeito que o profesorado de carreira ou permanente”.

A fundamentación xurídica descansa, tal e como se argumentaba na demanda da CIG-Ensino na doutrina ditada reiteradamente polo Tribunal de Xustiza da UE, pois xa deixara apuntado que o tempo desempeñado no exercicio profesional tiña que ser retribuído por igual con independencia do vínculo laboral.

Atranco da ACSUG

A sentenza, porén, non é firme e a ACSUG xa anunciou que presentará un recurso. Isto, a ollos da CIG, “implica un atranco máis na consecución do obxectivo de estender o pago deste complementos a todo o profesorado axudante doutor e desde o sindicato agardamos que a sentenza do TSXG confirme a actual e poidamos rematar con esta inxustiza”.

Na mesma liña, o sindicato chama a “rematar coa precariedade e eliminar as discriminacións”.

“Non deixa de ser lamentábel que sexa na vía xudicial onde se teñan que resolver todos os conflitos laborais que padece o persoal docente e investigador do SUG desde hai anos, cunha Consellaría de Educación, tanto coa anterior conselleira como co actual (por certo, ambos docentes universitarios), que se nega a abrir unha negociación para pór fin a unha serie de discriminacións do PDI temporal que converte ao sector universitario nun dos máis precarizados no sector público”, afirma a CIG-Ensino.