Xoán Antón Pérez Lema, avogado e secretario de Acouga

“A sentenza do Supremo contiña argumentos xurídicos de patacón”

Xoán Antón Pérez Lema

Xoán Antón Pérez-Lema é avogado experto en casos relacionados con cláusulas chan e é o secretario xeral de Acouga, a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios de Galiza. Entrevistámolo no Sermos Galiza 253 sobre a problemática das cláusulas chan.

Que supuxo a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea?

 

A sentenza determina que os efectos da nulidade de calquera cláusula abusiva son desde o momento da subscrición do contrato, de xeito que ao consumidor hai que poñelo na situación que tería de non existir nunca a cláusula. Iso supón a devolución da diferenza entre a aplicación da cláusula e a que se tería dado sen ela, cos xuros de demora desde o principio. Hai que lembrar que a sentenza do Supremo de 2013 dicía que por mor da situación económica e dos prexuízos ao sistema bancario a retroactividade non era posíbel. É dicir, un argumento xurídico de patacón, pois non lle corresponde ao Supremo decidir iso: se hai problemas deste tipo, haberá que tomar medidas, aínda que sexan duras, no eido do dereito público, non no dos contratos privados. O TXUE afirma que a sentenza do Supremo non é aplicábel e que a cláusula declarada nula ten que selo desde o primeiro momento.

 

Como valora o decreto do Goberno central de xaneiro?

 

O Goberno intentou facer que facía, que estaba preocupado, cando realmente elaborou un mecanismo para que os bancos puidesen tratar “tête-à-tête” co consumidor, con toda a prevalencia que teñen ao manexar máis información, ofrecendo cantidades moi inferiores ás xustas. O certo é que as entidades nunca dan os xuros de demora e en moitos casos as diferenzas ofertadas son até a metade. Este mecanismo permitiu evitar moitos preitos pero para rebaixar os cartos que reciben os afectados. É tremendo pensar que temos un Goberno do Estado que prefire que este diñeiro estea nas mans dos bancos en troques de inxectalo nas economías familiares.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 253, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]