A xustiza tenta explicar a rebaixa da pena aos acusados por violacións repetidas á nena de Baleira

Concentración en Baleira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
As tres persoas sentenciadas correspóndense coa irmá maior da vítima, a súa parella (cuñado da vítima) e o irmán da parella da súa irmá (o irmán do seu cuñado), que foi o que abusou dela as primeiras veces, segundo consta recoñecido.

A sentenza do caso de abusos sexuais continuados a unha menor de 16 anos en Baleira, comarca da Fonsagrada, cando tiña entre 7 e 13 anos, recolle o pacto alcanzado pola Fiscalía baseado en dilacións indebidas, que "non son imputábeis a ningún dos acusados" na instrución do procedemento. Ademais, inclúen o "resarcimento" á vítima, polo pagamento de 50.000 euros á vítima, que chegou a quedar embarazada en dúas ocasións e que, segundo figura na sentenza, deu a luz con 13 anos un bebé que foi entregado en adopción.

As tres persoas sentenciadas correspóndense coa irmá maior da vítima, a súa parella (cuñado da vítima) e o irmán da parella da súa irmá (o irmán do seu cuñado), que foi o que abusou dela as primeiras veces, segundo consta recoñecido.

Nas súas conclusións provisionais, a defensa dos acusados negou e rebateu os escritos de acusación iniciais, que pedían 11 anos de prisión. Así, solicitou tamén a libre absolución dos procesados.

Con todo, finalmente aceptaron tres anos de cárcere e pagar a mencionada contía de responsabilidade civil, o que implica o recoñecemento dos feitos e o que lles supuxo unha rebaixa da pena, xunto coas dilacións indebidas e o satisfacer a contía de indemnización. 

Os tres procesados foron condenados como autores dun delito de abuso sexual continuado á menor e impúxoselles tres anos de prisión e inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante ese tempo. Teñen prohibido achegarse á vítima a menos de 500 metros e comunicarse con ela por calquera medio durante seis anos. Ademais, impónselles a medida de liberdade vixiada, a executar con posterioridade á pena de prisión, por cinco anos máis.

Mobilización social

O pasado sábado, máis dun centenar de persoas manifestáronse en Baleira para expresar a súa repulsa polo caso da nena que sufriu as violacións nun acto que fronte á sede do concello, situado na localidade do Cádavo.

A ela achegáronse residentes en Baleira pero tamén doutras zonas dos arredores para expresar a súa "rabia" e "indignación" ante uns feitos que eran "totalmente descoñecidos" para os veciños, en palabras do rexedor do municipio, Ángel Martínez.

Ao termo da concentración, convocada por todas as forzas con presenza na corporación de Baleira e que transcorreu en silencio, leuse un manifesto no que se reclamou "xustiza" para esta menor.