Sentencian o Sergas a pagar seis millóns á concesionaria do Álvaro Cunqueiro

Vista do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Nós Diario)
O TSXG ratificou a condena que obriga a Administración galega a pagar en concepto do IVE non aboado entre 2015 e 2016.

A sección cuarta da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou un recurso de apelación interposto polo Sergas, ratificando así unha condena acordada por un xulgado de Santiago de Compostela que obriga a Administración galega a pagar 5,7 millóns de euros en concepto do IVE non aboado entre 2015 e 2016 á sociedade concesionaria do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A sociedade Novo Hospital de Vigo está controlada en maior medida polo fondo francés Meridiam, despois de que adquirira as accións da construtora Acciona, así como Puentes y Calzadas, baixo mando chinés, e mais os fondos Concessia e Veolia.

A concesionaria interpuxo un recurso contencioso contra o Sergas por entender que a Administración galega non aboou o IVA nos exercicios mencionados, aplicábel ao canon anual que paga á empresa. 

A Xunta sostiña que o tipo era de 10%, o vixente no momento da licitación do contrato, e a concesionaria reclamaba 21% despois de que unha inspección tributaria determinase que debía ser esa a porcentaxe.

O TSXG dá a razón á sociedade, apuntando que a Xunta debera ter reclamado ante o Tribunal Económico Administrativo Rexional xa que a Axencia Tributaria non a advertira deste cambio.

A maiores, o Alto Tribunal galego lembra que, aínda que o contrato non determinase o IVA a aplicar, ese imposto aplicado a "actividades non sanitarias" réxese pola lexislación en vigor, polo que o tipo pode variar.

O tribunal de Compostela xa apoiara os argumentos da concesionaria en primeira instancia.