CIG-Saúde denuncia as carencias que sofre o hospital lugués

Sen roupa de cama en todo o HULA

A CIG advirte das carencias, mesmo en servizos sensíbeis do hospital lugués (CIG)
A CIG-Saúde de Lugo advirte da falta de roupa de cama en todo o Hospital Lucus Augusti (HULA), mesmo nos servizos especialmente sensíbeis. Segundo denuncia, a situación vense producindo dende hai tempo e "cada vez vai a peor", de tal xeito que unidades como Urxencias, UCI ou Reanimación "quedan, ás seis da tarde, con catro almofadas e oito mantas, mentres as doentes nas plantas de hospitalización pasan frío".

Desde CIG-Saúde explican que a roupa do HULA vai facer o lavado á lavandaría do CHUAC, na Coruña, "mais por algunha causa que descoñecemos non volve toda; é máis, vai unha determinada cantidade de roupa nova e volve a metade de roupa vella", alertan.

A estas alturas do ano, sinala a plataforma sindical, xa non hai orzamento para sacar roupa nova. "Programar un sistema de trazabilidade é moi caro, polo que a problemática parece irresolúbel e é imposíbel asumir que nun hospital público isto non teña remedio", censura a CIG-Saúde.

A central considera intolerábel que o persoal teña que pelexar por unha peza de roupa para que as doentes non o pasen mal, "como tampouco é tolerábel que as traballadoras da lencería teñan que poñer a cara coas compañeiras porque as primeiras piden roupa e as segundas non a teñen", incide.

Hai xa dous meses, a representación da CIG volveu trasladar esta problemática á dirección. "A estas alturas seguimos igual. O único que fixeron foi quitar prazas de estacionamento para facerlle sitio ao camión que vén sen roupa, o que non deixa de ser unha boa sorna", advirte o sindicato.

Ante a falta de actuacións por parte da dirección,  son as traballadoras da lencería quen, segundo a CIG, intenta solucionar o problema, "facendo equilibrios numéricos para repartir un pouquiño en cada sitio".