“Sempre con nós”: homenaxe en Compostela a Duarte Abad

Será o 23 de febreiro na Malatesta, Compostela. Haberá poesía, música, teatro e intervencións de diferentes colectivos e organizacións para lembrar e homenaxear o independentista asasinado en novembro de 2017.

O asasinato de Duarte Abad Loxo o 10 de novembro de 2017 causou un gran pesar no independentismo e no soberanismo, campos nos que comezara a militar ben mozo. Quince meses despois daquela morte, a Sala Malatesta (Compostela) acollerá o 23 de febreiro un acto nacional de lembranza e homenaxe a Duarte impulsado por amigos e compañeiros.

 

O acto será presentado por Isabel Risco e Xurxo Souto e contará coa intervención de poetas como Laura Ramos Cuba, Sechu Sende, Charo Lópes ou Ramiro Vidal. A música correrá a cargo de Pauliña, Leo Arremecaghoná, García MC, Mini, Manolo Bacalhau, Menina Arroutada e Os Enxebres de San Lázaro.

Xoán Mejuto e Iria Ares interpretará fragmentos de ‘Rastros’, obra de Roberto Vidal Bolaño que Teatro do Aquí estreou en 1998 en Vilagarcía e na que un dos protagonistas era preso independentista.

 

O ramo ao acto poñerano unha serie de intervencións de representantes de colectivos e organizacións: Joam Lopes, polas Juntas Galegas pola Amnistía (Juga) e Beatriz Doldán (Comités Anti-Represivos) - actualmente extintas, eran organizacións de solidariedade para cos presos e presas independentistas do EGPGC-. Cristina Rodrígues, de Que Voltem á Casa, Suso Seixo, exsecretario xeral da CIG; Elvira Souto (Mesa pola liberdade dos presos independentistas, tamén extinta) e Francisco Rodríguez, exdeputado do BNG nas cortes españolas.

 

O prezo da entrada é 5 euros e destinarase a recadación íntegra da Homenaxe a Que Voltem a Casa!

 

Natural de Noia, onde naceu en 1967, Duarte Abad foi condenado en 1989 por pertenza ao Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), cumprindo 13 anos de prisión en diversas cadeas do Estado español. Unha vez en liberdade, realizou o Doutorado en Historia, especialidade na que ten feito diversos traballos, nomeadamente sobre as Irmandades da Fala ou Francisco Tettamancy, entre outros. Traballou na hostalería da zona vella compostelá e posteriormente na Coruña como vendedor de peixe, tarefa que desenvolvía por diferentes puntos da comarca. As persoas que o coñeceron e trataron destacan del o seu carácter aberto e afábel. “Era tan grande como boa persoa”, descríbeno, “un neno grande” cunha enorme vitalidade. Cualidadades todas elas á que engaden o seu firme compromiso cun país polo que sentía paixón. "Un patriota", resumen.