Un seminario analiza as alternativas para o sistema financeiro galego

Organizado pola Fundación Galiza Sempre, decorrerá esta quinta feira na Facultade de Económicas de Compostela. Economistas, analistas, políticos..debullarán sobre o escenario financeiro galego.

O Salón de Graos da Facultade de CC Económicas da Universidade de Santiago de Compostela acolle esta quinta feira, 3 de outubro, un seminario sobre as alternativas para o sistema financeiro galego, unhas xornadas organizadas pola Fundación Galiza Sempre.

O seminario comeza ás 9:30 coa mesa redonda 'O proceso de desmantelamento do sistema financeiro en Galiza. Causas, consecuencias e perspectivas'. Nela toman parte Xesús Veiga (presidente da Fundación), Xosé Luis Gómez (editor de Mundo Diario) e os economistas Xan López Facal e Marcelino Fernández Mallo.

Análise, debate, propostas

Ás 11:00 decorrerá a palestra 'As relacións entre a banca e a economía produtiva. O caso galego' a cargo de Adrián Dios (da executiva nacional do BNG) e Ramón Manuel Yáñez, profesor na Universidade da Coruña e autor do libro 'As relacións banca-industria en Galiza'

'Unha alternativa para o sistema financeiro galego, a posición do BNG' será a intervención do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Terá lugar ás 12:00.

O punto e final deste seminario contará coa presenza de Carme Adán, deputada do BNG, Clodo Montero, de CIG-Banca, e Xosé Lois Veiga, membro do consello de administración de NCG polo Concello de Pontevedra. Estas tres persoas falarán sobre 'o proceso de desmantelamento das caixas' desde tres visións distintas: comisión das caixas, sindical e consello de administración.