A sociedade Semes Galiza advirte de importantes carencias nos servizos de urxencias e emerxencias

Manifestación de SOS Sanidade Pública en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Semes Galiza resalta o crecente problema de recursos humanos e solicitan a aprobación da especialidade de Medicina de urxencias e emerxencias. Pola súa parte, CIG e CCOO denuncian incumprimentos nos pregos de contratación nunha licitación do Sergas de atención no domicilio. 

A Sociedade estatal de medicina de urxencias e emerxencias na Galiza (Semes Galiza) denunciou que se teñen posto en evidencia as “carencias” do sistema de saúde, o cal está actualmente “sumido nunha profunda crise, con escaseza de profesionais sanitarios”, resaltan. Tamén avisan de que os servizos de urxencias e emerxencias da Galiza “sofren unha importante saturación de pacientes" e que o persoal sanitario "está esgotado”.

O presidente de Semes Galiza, José Manuel Fandiño, defende que “nunca se tiñan queixado disto, nin sequera no peor momento da pandemia porque a súa vocación é salvar vidas e iso tenlles permitido aguantar todo este tempo”.

Porén, destaca que “a situación actual vai máis alá de todo isto, xa que os profesionais deste campo séntense con desalento”, polo que se dirixiu ao Presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, para que “resolva o crecente problema de recursos humanos”.

O doutor Fandiño insistiu en solicitar a aprobación da especialidade de Medicina de urxencias e emerxencias, unha cuestión que cualificou "imprescindíbel" para evitar que o problema sexa irreversíbel; xa que, de seguir así, advertiu, nos próximos anos non haberá profesionais suficientes para cubrir a cobertura demandada.

Resalta o presidente de Semes Galiza que os estudantes de medicina que queren ser especialistas nesta materia vense obrigados a emigrar ao estranxeiro. Do mesmo modo, tamén se dirixiu ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para pedirlle que interceda por eles na próxima reunión do Consello Interterritorial de Saúde.

CIG e CCOO denuncian incumprimentos dos pregos

A Central Intersindical Galega e Comisións Obreiras veñen de denunciar “o incumprimento dos pregos de contratación nunha licitación multimillonaria do Servizo galego de saúde (Sergas) para tratamentos a domicilio”.

Ambos os sindicatos aseguran que a adxudicataria está “recortando as condicións de prestación do servizo”. Entre os recortes no servizo, sinalan que o número de traballadores é “inferior ao que marcan os pregos”, que non se substitúe o persoal de baixa e que se teñen producido "despedimentos por cuestións disciplinarias".