Semente fecha o micromecenado con 70.000 euros sobre o obxectivo

Estado actual da casa de Moas que será a sede da Semente (Foto: Nós Diario).
Grande éxito da campaña de financiamento na rede do 'Projecto Moas'

Cando faltaban poucos minutos para que rematasen os 80 días que durou a procura de micromecenado do Proxecto Moas, unha persoa achegou 88 euros e fixo posíbel que se alcanzase a barreira psicolóxica dos 160.000 euros de financiamento. As 750 contribuíntes distintas conseguiron non só facer realidade un soño, senón que se superase en 30.000 euros a cantidade óptima e en 70.000 a mínima imprescindíbel.

Así, chegaba á súa fin do mellor modo posíbel a máis complicada das fases de cara a conseguir reformar un inmóbel en Moas (na parroquia Figueiras, concello de Compostela), que acolla o alumnado de infantil e primaria da Semente Compostela.

Concretamente, os case 600 metros cadrados entre os tres andares que conforman a edificación, así como a finca forestal de 3.500 metros que a rodea, serán acondicionados para acoller o alumnado de 2 a 12 anos de todo o ciclo de infantil e primaria, que até o de agora estaba distribuído en tres locais distintos por toda Compostela.

Desde Semente destacan o "apoio internacional sen precedentes" a esta campaña por parte "da sociedade civil e de persoeiros da cultura galega".

Ao longo de toda a duración do crowdfunding, recibiron apoios desde os lugares máis afastados do planeta, como a Amazonía, o Quebec, o Curdistán, Senegal ou Nova Zelandia; de profesorado e de escolas de inmersión lingüística, así como de activistas en defensa das linguas minorizadas e artistas como Amador Arias (protagonista de O que arte), Quico Cadaval ou Elena Ferro.

Que é a Escola Semente?

A Escola Semente é un proxecto educativo autoxestionado, sen ánimo de lucro e que desenvolve un modelo de inmersión lingüística en galego dentro das aulas e un proceso comunitario de socialización do galego nos espazos extraescolares.