A semente do ensino popular en galego prende en Ferrolterra
Desde o 30 de setembro funciona en Narón un centro de ensino pertencente á rede AvoaEscola. Aliás, nesta fin de semana realizouse en Trasancos o primeiro punto de encontro entre familias interesadas na apertura dun centro da rede A Semente. As dúas son iniciativas sociais onde a lingua vehicular é a nosa propia.
“Acabáronse as galescolas”, exclamou, triunfante, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, diante dos micros da radio dos bispos tan só tres días despois de saír vitorioso nas urnas.
Cunha furibunda campaña mediática en contra asinada polos voceiros da dereita –'A Galiza paleta das galescolas', chegou a titular un xornal dixital español–, as galescolas abriron as portas en setembro de 2007, rachando cun modelo asistencialista que resolvía a conciliación laboral e familiar durante unhas horas, mais que non tiña unha vocación pedagóxica.
Aprender cos pés na terra
Canda o enterramento do modelo pedagóxico das 'galescolas' foron agromando no País novos proxectos de ensino popular que apostan na inmersión lingüística na nosa lingua. Mais non só. Tanto A Semente como AvoaEscola tronzan a idea asistencialista de que as crianzas son persoas ás que cómpre coidar para apostar nas súas potencialidades.
O sábado que vén, 2 de novembro, faranse dous anos desde que abriu as súas portas. Desde aquela saíronlle xa dous filleiros: un en Vigo e outro en Ferrolterra.
Así as cousas, esta fin de semana realizouse en Trasancos a primeira asemblea cara á constitución dunha asociación para despois abrir unha Semente. Tal e como explicou Olaia Ledo, unha das promotoras desta escola popular, o obxectivo é ter un centro de ensino "onde o galego sexa a lingua vehicular e onde as crianzas medren en contacto coa natureza".
Desde o 30 de setembro en Ferrolterra funciona outra escola popular, esta pertencente á rede AvoaEscola.
O seu director, Francisco López, sinalou que o obxectivo desta cooperativa --amparada pola asociación Galiza co Galego a través do denominado Fondo de Escolas-- é que a esta árbore lle saian pólas por todo o País, pois tamén neste caso hai varias familias interesadas en ter na súa contorna un centro de ensino "laico, pluralista e para galegofalantes ou non".
“Queremos demostrar que existe unha vía diferente ao ensino público e ao privado, pois nós nin obtemos lucro –os cartos das doazóns van parar a unha bolsa de solidariedade, para afrontar os gastos das familias sen recursos– nin estamos amparados por un grupo empresarial”. Son palabras de Olaia Ledo, mais Francisco López manifestouse en termos moi semellantes e defendeu tamén un modelo de ensino "popular".
Dixo o director da AvoaEscola de Ferrolterra, fincada no Alto do Castiñeiriño, en Narón, que este centro "é unha escola ao uso, non unha ludoteca". E recalcou que se trata dun colexio "inclusivo, participativo e democrático" onde as nais e pais teñen "todo o control" sobre os contidos e poden decidir sobre eles traballando man a man cos e as educadoras. E, ao igual que na Semente, "o idioma é prioritario" pois o proxecto AvoaEscola está pensado "para quen non queira que se perda o galego".
Que diferencia A Semente de AvoaEscola?
Entre outras cuestións, a idade das crianzas que se poden matricular nestas escolas. Así, AvoaEscola está pensada para nenas e nenos de 0 a 3 anos, cun modelo pedagóxico inspirado no programa Preescolar na Casa, que foi desmantelado polo PP.
Namentres, na Semente o alumnado máis novo ten 2 anos e o máis vello 6 "porque consideramos que non é até os dous anos a idade acaída para iniciar a escolarización", subliñou Olaia Ledo, promotora do centro que abrirá en Trasancos.
Na mesma liña, desde AvoaEscola Francisco López insistiu en que a educación "non pode ser un dereito suxeito ao capricho dos gobernos". O modelo non é ningún segredo. Centros privados como Raiola en Compostela ou Andaina na Coruña levan décadas traballando con el. Trátase, en definitiva, de demostrar con feitos que as familias galegas queren para as crianzas un ensino na súa lingua.