Semente Compostela: "Dispor dun edificio é agora unha necesidade"

A Semente Compostela está a procurar apoio económico entre a cidadanía para abrir unha nova escola que reúna o alumnado de infantil e primaria en Moas de Abaixo (Vidán, Compostela). Unha campaña que está a ter unha cálida acollida, con mostras de apoio que chegan desde distintas comunidades lingüísticas do mundo. Conversamos co colectivo para saber máis da futura Escola de Ensino Galego Semente, unha aposta pola inmersión lingüística en galego e a coeducación. 

Xa iniciaron a campaña para o Proxecto Moas. A que  necesidade responde esta escola?

O proxecto das Moas ten que ver cunha necesidade que xa tiña a Semente desde hai tempo. A Semente botou a andar como unha escola de infantil para un grupo de crianzas de familias que estaban interesadas nunha escola de inmersión lingüística en galego. O que pasa é que foi medrando nos últimos anos, até o punto de que houbo que abrir dúas escolas, a das Salvadas e a da Torreira, para infantil, e, a maiores nos últimos dous anos tamén se deu o paso a primaria (as crianzas medraban e buscábase continuar o proxecto). Como a Semente forma parte dunha rede de escolas a nivel galego, estabamos vendo as experiencias de Trasancos, de Lugo...

En Compostela, co incremento da demanda da Escola en galego por parte de tantas familias, comprobouse que era realmente necesario dar un paso máis e crear unha escola grande, un edificio, que acollese o proxecto. Finalmente conseguimos mercar un inmóbel co aval de Coop57, unha liña de crédito que ten un respaldo social importante (centos de persoas), e tendo en conta que se lanzou en plena crise da COVID-19.

Como está sendo a acollida deste 'crowdfunding'?

O edificio que adquirimos é unha casa particular moi grande, de tres pisos, e cunha finca enorme, porque o contacto coa natureza forma parte do proxecto da Semente. Necesitamos acondicionala, desde os propios accesos á escola até todas as obras necesarias. Por iso pensamos no crowdfunding, que foi tamén a estratexia coa que saíu adiante a Semente Trasancos. Botouse estes días a andar e nun día conseguimos moito apoio, o que demostra que é algo necesario para a sociedade. Vese que si hai un apoio social, que é unha demanda en Compostela. O ritmo debe seguir, sabemos que é difícil, mais a educación é algo no que debemos seguir sumando forzas.

Estas medidas que se están reclamando pola crise sanitaria, como reducir a ratio de crianzas, deixa ver canto necesitamos este tipo de escolas como lugar de encontro, porque é educación. A verdade é que tivemos moi boa acollida e houbo unha resposta internacional moi potente, desde a Illa de Tromsø (Noruega) até unha escola de Perpiñán, de moitas linguas minorizadas que apostan por este tipo de proxectos. O de saltar de infantil a primaria xa foi unha aventura, e recibiuse moi ben. En Compostela estabamos en tres alugueres e os espazos van quedando pequenos... O feito de poder contar cun único edificio máis grande é agora unha necesidade, tamén pensando nas actividades extraescolares ou de campamento.

As escolas Semente contan con anos de experiencia, como foi este percurso? 

A Semente xa vai para a primeira década de vida. Neste tempo tratamos de estar en activo e en contacto con iniciativas semellantes en todo o mundo, desde proxectos até congresos que se organizan periodicamente de educación en linguas minorizadas. Estamos en contacto con escolas de inmersión que promoven o mesmo que nós, o respecto polas linguas minorizadas. A escola Semente é un modelo que, na súa metodoloxía, ten moito da atención indivualizada do alumnado. A Semente comezou en idades moi pequenas, de 2 a 6 anos, e procurando a autonomía da crianza, centrándose na escoita, na concepción dos grupos reducidos e tamén no interese polo contacto coa natureza... E esa era outra das complicacións, que todos os locais que procurabamos para a Semente precisaban un espazo natural importante... o contacto coa terra, os traballos agrícolas, que as crianzas dispoñan da súa horta, do seu galiñeiro... é necesario porque todo iso forma parte da aprendizaxe. Todo o que ten que ver coa natureza, coa atención individualizada, coa resolución de conflitos a través do diálogo entre iguais mailo traballo en pequenos grupos forman parte das liñas que desde sempre se traballan na Semente.