Recadan 160.000 euros en 80 días para a posta en marcha de 'Projecto Moas'

Semente afronta o seu maior proxecto

MOAS8 (1)
A escola Semente superou o seu obxectivo económico, no portal goteo.org, para a posta en marcha do ‘Projecto Moas’. Unha meta superada grazas a 750 contribuíntes e que lle vai permitir a este centro autoxestionado remodelar o espazo de Moas e agrupar o seu alumnado de infantil e primaria. 

O 5 de maio deste ano arrancaba no portal de micromecenado goteo.org a campaña 'Projecto Moas', de Semente Compostela, cuxo obxectivo era a recadación de apoios económicos para a remodelación dun espazo (situado en Moas de Baixo, en Compostela) no que agrupar o seu alumnado, de entre os 2 e os 12 anos, que actualmente está disperso en 3 locais da capital galega (Vista Alegre, A Torreira e As Cancelas).

O obxectivo da campaña eran 130.000 euros, que se superaron en 30.000 grazas aos 750 contribuíntes que adquiriron algunha das máis dun cento de recompensas propostas. Desde unha achega de 40 euros para mercar unha ilustración de Marta Álvarez, até de 1.000 euros coa que sonxabi.com deseñaba a túa web ou outra de 300 para amadriñar ou apadriñar unha árbore da finca da Semente. O proxecto contou, para a súa difusión, co apoio e coa colaboración de artistas, axentes sociais, asociacións e doutras escolas autoxestionadas e de inmersión lingüística.

Este capital, para a remodelación e adaptación do novo espazo de ensino, súmanse aos 285.000 euros do aval Coop57, (Cooperativa de servizos financeiros éticos e solidarios), que lles permitiu a compra deste edificio de 600 metros cadrados, rodeado por unha finca de 35 hectáreas. Desde Semente Compostela comentan que "aínda non puidemos empezar a obra pero contamos con poder trasladar o alumnado ao novo centro entre mediados do próximo curso e o seguinte".

"O noso idioma é parte indisolúbel da nosa cultura"

As Escolas de Ensino Galego toman o nome daquel proxecto creado polas Irmandades da Fala (Escolas de Insiño Galego) no século XX e nacen no XXI pola necesidade dun grupo de familias de criar e educar as súas nenas e os seus nenos integramente en galego. Por iso, nas Sementes "todas as atividades se desenvolven en galego" e favorécese a adquisición, conservación, coidado e consolidación desta língua. "Entendemos o idioma galego" din "como parte indisolúbel da nosa cultura, da nosa historia e do noso futuro".

No seu ideario a bandeira é a defensa da lingua, educación de inmersión lingüística, pero non menos importantes son aspectos como a coeducación (na igualdade de xénero, na loita contra os machismos...), a laicidade, o asemblearismo (que afecta a pais e nais, a educadores e educadoras e tamén a crianzas), a interacción coa natureza (por iso a importancia das localizacións dos centros), a autorregulación do alumnado en liberdade (con especial atención á emocionalidade) e a integración no barrio, na comunidade da que se forma parte, posto que se entende "escola como parte da sociedade". 

Escolas autoxestionadas con vocación de públicas
Baixo unha licenza Neasc (New England Association of Schools and Colleges), coma moitas das escolas que apostan pola ensinanza alternativa, as Sementes  medran autoxestionadas e ao amparo de asocacións sen ánimo de lucro coma a Gentalha do Píchel ou Pro-Escola Semente Vigo, Semente Trasancos, Semente Lugo e Semente Corunha. 

"Os condicionantes, a nivel de infraestrutura, impostos desde as Administracións son incompatíbeis con este tipo de escola", comentan desde Semente. 

O substento destes centros autoxestionados obtense a través do traballo militante e das achegas económicas de persoas asociadas, colaboradoras habituais ou puntuais. Para proxectos de certa envergadura cómpre botar man de avais Coop57 ou de portais de micromecenado. 

O empuxe da Gentalha do Pichel logra en menos dunha década un total de 5 escolas

A asociación con sede en Compostela foi a impulsora, en 2011, da primeira escola da Semente, no barrio de Vista Alegre da capital galega. Botaba a andar esta primeira escola con tan só 3 crianzas e, 9 anos máis tarde, no centro de Moas integraránse un total 76 alumnas e alumnos de ensino infantil e primario. Un pulo que se extendeu ás escolas intatís de Vigo e de Trasancos no ano 2013, ás da cidade de Lugo en 2016 e á cidade da Coruña neste 2020. Créase así unha rede de escolas independentes pero colaboradoras nas súas liñas pedagóxicas.