Semana Santa despídese cunha maior presión hospitalaria e un menor número de casos activos

Vacinación do persoal sanitario en Compostela. (Foto: Área Sanitaria de Santiago)
A taxa de positividade aumentou até o 4%

Galiza fechou a Semana Santa cunha maior presión hospitalaria pola pandemia da Covid-19 que cando principiou este período. En concreto, esta segunda feira os datos da Consellería de Sanidade, elaborados con cifras ate as 18:00 horas do domingo, contabiliza un total de 219 ingresados por coronavirus. Son unha quincena máis que os 204 do sábado 27 de marzo, cando iniciou este período vacacional unha vez pasado a ponte de San Xosé.

Iso si, os casos activos da enfermidade na Galiza reducíronse ao longo da Semana Santa. Así, se o 27 de marzo Sanidade notificaba 2.357 pacientes, hoxe hai 2.174. Esta redución de 183 foi posíbel porque, durante as vacacións, déronse máis altas que novos diagnósticos.

En calquera caso, na análise a curto prazo, os datos de hoxe reflicten lixeiras repuntas en ambos os parámetros con respecto á xornada do domingo. En canto aos ingresados, os 219 hospitalizados actuais supoñen unha suba de seis.

Este incremento dos ingresados por coronavirus na Galiza débese á suba dos hospitalizados en planta, até os 187, oito máis en 24 horas. Con todo, as unidades de coidados intensivos (UCI) experimentaron un alivio ao contabilizar 32 pacientes covid, dous menos.

Por áreas sanitarias, tan só dúas delas reduciron o número total de hospitalizados no último día: a de Lugo-A Mariña-Monforte e a de Pontevedra-O Salnés.

Segundo os datos publicados hoxe, os casos activos volveron repuntar lixeiramente ao situarse nos 2.174 en total, sete máis que os contabilizados a xornada inmediatamente anterior, a pesar de que son mellores cifras que ao comezo da Semana Santa.

Ademais, na última xornada Sanidade sumou 112 novos contaxios de coronavirus detectados por todo tipo de probas -105 confirmados cunha PCR-, polo que o total de infectados desde o inicio da pandemia sitúase nos 117.628. Estes 112 últimos casos dos que se tivo constancia supoñen un incremento de 20 sobre os 92 do domingo.

No relativo á taxa de positividad das PCR, incrementouse até o 4%, porcentaxe máis alta de toda a Semana Santa, aínda que continua por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia. O sábado 27 de marzo a positividade era do 1,9%.

Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron nas Galiza 2.352 persoas diagnosticadas con este coronavirus, despois de que o domingo Sanidade notificase cinco novas vítimas. Ao longo da Semana Santa, esta listaxe sumou 20 falecementos.