Unha semana de incremento de casos activos de Covid

Un dispositivo de vacinación contra a Covid-19, na Cidade da Cultura. (Foto: Arxina / Europa Press).

Repuntan a 199 os novos contaxios e os pacientes Covid ingresados descenden a 182.

Os casos activos de Covid-19 na Galiza manteñen a tendencia ascendente por sétima xornada consecutiva e sitúanse en 2.439, mentres que os novos contaxios repuntan a 199, o que supón 41 máis que a xornada anterior. Pola súa banda, os pacientes ingresados descenden lixeiramente a 182, dous menos.

Segundo a actualización realizada na mañá desta quinta feira pola Consellería de Sanidade con datos até as 18:00 horas da cuarta feira, baixan a 25 os pacientes Covid ingresados en UCI, o que supón un menos, e descenden a 157 os hospitalizados noutras unidades, outro menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende na de Vigo, así como na da Coruña, onde hai sete pacientes Covid menos ingresados; mentres que se mantén na de Pontevedra e O Salnés; e sobe nas de Ferrol, Santiago e Barbanza, Lugo e Ourense.

En canto aos casos activos de Covid-19, aumentaron até os 2.439, o que implica 39 máis que a xornada anterior, tras rexistrar unha semana en ascenso paulatino, despois de volver rexistrar máis contaxios (199) que altas (159), aos que se engade unha persoa falecida.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en seis das sete: Ourense (+13), Vigo (+10), Pontevedra e O Salnés (+9), Lugo (+7), A Coruña e Cee (+3) e Ferrol (+1); mentres que descenden lixeiramente na de Santiago e Barbanza (-4).

No relativo aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, repuntan até os 199, despois de superar a barreira dos 200 o pasado sábado e de empezar esta semana con 126, subir a 165 a terza e baixar lixeiramente a 158 esta cuarta.

Segundo os datos actualizados por Sanidade, confirmáronse 177 positivos con PCR nas últimas 24 horas, dos cales 55 corresponden á área de Vigo; 39, á da Coruña e Cee; 23, á de Pontevedra; 19, á de Ourense; outros 19, á de Santiago e Barbanza; 14, á de Lugo; e oito, á de Ferrol.

.A pandemia deixa até o momento 2.371 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza, despois de informar Sanidade esta cuarta feira da morte dunha muller de 78 anos, que morreu o 13 de abril no Complexo Hospitalario Universtario A Coruña (Chuac) e presentaba patoloxías previas.