XXXVI Semana Galega de Filosofía

A Semana de Filosofía apela á rebeldía fronte á "idea fatalista de que non é posíbel mudar o mundo"

[Imaxe: Aula Castelao] Clausura da XXXVI Semana Galega de Filosofía

Concluíu a XXXVI Semana Galega de Filosofía, pola que pasaron algúns dos máis reputados estudosos e estudosas internacionais das fronteiras. Aliás, cinco investigadores galegos pensaron “a fronteira na Galiza”. A programación, organizada pola Aula Castelao, chamou a acabar coa "idea fatalista de pensar que non é posíbel mudar o mundo".

A XXXVI Semana Galega de Filosofía concluíu as súas reflexións sobre a fronteira, “un punto de partida para atoparmos alternativas á realidade, opcións diferentes ás dun mundo que permite que polas súas fronteiras circule a barbarie e o capital, e que ao mesmo tempo coloca fóra das súas marxes grupos de oprimidos completamente despoxados de dereitos”, en palabras da Aula Castelao.

 

Citando Walter Benjamin, Montse Bragado, da Aula Castelao, explicou que se pretendía “reivindicar unha análise das fronteiras non desde o punto de vista dos vencedores, senón desde a empatía cos vencidos polo poder”.

 

Na conclusión da xornada, Bragado puxo o acento “nas resistencias, nas vías de mudanza, de transformación”. Deu conta a tres “liñas liberadoras” que se abriron ao longo da semana.

 

A denuncia da realidade

 

“As nosas fronteiras están ao servizo dos intereses do sistema económico capitalista, un sistema que só busca a acumulación infinita e ignora a dignidade humana. Na actualidade asistimos a unha transformación do capitalismo que afecta a xestión dos inmigrantes”, explicou a representante da Aula Castelao durante a clausura da Semana.

 

Foi Saskia Sassen quen na xornada da pasada segunda feira expuxo a mudanza na lóxica do mercado global “que pasou de precisar moitos traballadores consumidores, a incentivar a expulsión masiva de persoas de territorios concretos”. Nesta lóxica de exclusión, ao aparello económico-político, lembra a Aula Castelao, sóbralle xente. Como exemplos, citou o caso das persoas refuxiadas ou a poboación desprazada pola compra de millóns de hectáreas de territorio no sur global.

 

A este respecto interviña na Semana de Filosofía Ángeles Díez, quen denunciaba que os medios de comunicación de masas “están a construír discursos tóxicos, pequenos velenos que se van sedimentando na mente das persoas”. A xente, advertiu a Aula Castelao, “reproduce o que escoita, enunciados en que se normaliza a desigualdade, en que se banaliza o horror”. “É hora xa de que os medios de comunicación de masas deixen de colonizar a intelixencia das persoas”, engadiu.

 

As posibilidades de mellora social

 

A liña de apertura á acción foi outro dos vimbios que artellaron a Semana Galega de Filosofía. En relación ás posibilidades de mellora social, púxose de manifesto “a necesidade urxente de mudar o estado de cousas”. Remarcouse ao aspecto que “non existe ningunha razón para pensar que non hai alternativas á realidade”.

 

Reivindicouse, en moitas das palestras, “a rebeldía contra a idea fatalista de pensar que non é posíbel transformar o mundo, a rebeldía contra aquel famoso slogan político que sinalaba que non hai alternativas”. Joan Nogué afirmaba na xornada da pasada quinta feira que o primeiro paso consiste en “mudar as nosas miradas a respecto das fronteiras”. E é que concibe as fronteiras non só como espazos xeográficos, senón como “espazos existenciais”. “As fronteiras son os lugares que unen as diferenzas. Busquemos, polo tanto, a resistencia desde esta óptica”, apelaba a Aula Castelao.

 

Na mesma liña, Boaventura de Sousa Santos sinalaba que atopa nas resistencias e nas loitas sociais dos “grupos golpeados a diario polo capitalismo, o colonialismo e o patriarcado”, a oportunidade, o punto de partida, para orixinar a mudanza social que abrirá as portas a un mundo máis xusto.

 

John Holloway, a quen entrevistou Sermos Galiza, afirmaba que “é urxente reinventar o concepto de revolución, porque o futuro nos está a perseguir”.

 

Compromiso

 

O compromiso foi a terceira pata sobre a que se sustentaron os discursos da Semana de Filosofía. Un compromiso “para dar voz ás persoas oprimidas”. “Alberto Cruz mostrounos a importancia do feminismo africano, ignorado por occidente e Ángeles Ramírez expúxonos con moita luz o feito de que as mulleres emigrantes sexan especialmente vulnerábeis á violencia física e sexual”, apuntaba a Aula Castelao na xornada de clausura.

 

“Compromiso é visibilizar a plutocracia que está a gobernar o mundo, un mundo en que o bloque de EEUU e a UE está perdendo a hexemonía e, para evitalo, realiza ataques brutais e induce guerras, só para acumular máis riqueza, apropiándose de recursos enerxéticos e materias primas”, agregou a entidade organizadora.

 

A trixésimo sexta Semana Galega de Filosofía finalizou cun apelo expreso á solidariedade con “todos os pobos asediados polo vampiro do capital, por un vampiro externo a eles que lles chupa o sangue e a dignidade, arrebatándolles a súa propia soberanía”.

 

Fechou a semana o representante da Fronte Polisaria, Bouchraya Hammoudi Bayoun, quen denunciou que España “foi parte do problema e debe ser parte da solución” e quen lamentou a “constante chantaxe que Marrocos exerce sobre España”. O pobo saharauí, reivindicou, ten dereito a decidir sobre a súa situación”.

 

Durante a clausura, leuse o manifesto da Asociación Pola Defensa da Ría, que volveu reclamar a fin da actividade de Ence ao pé da ría de Pontevedra.