A semana comeza en Galiza como finalizou, con incendios

Imaxe: Irene Pin

Nesta fin de semana arderon máis de 400 hectáreas. Mantense activo un lume en Sober, que afecta máis de 100 Has.

Os incendios non dan tregua neste mes de abril. A semana comeza como finalizou, con lumes. Só nesta fin de semana arderon máis de 400 hectáreas no noso país, onde a Xunta decretou alerta por alto risco de incendios, unha medida que non se adoitaba declarar antes de xuño. Mais este ano non está a ser normal, após un inverno e primaveras anormalmente secos.

No amencer desta segunda feira, 24 de abril, continúa activo un incendio, en Sober, que comezou na parroquia de Anllo, e que afecta máis de 100 hectáreas. Esta fin de semana, houbo lumes en Quiroga e Ourol, o primeiro calcinando 35 Has e o segundo por volta de 170. Ademais, no concello de Cervantes arderon 100 hectáreas nun lume que tivo a súa orixe en catro focos simultáneos. Tamén ardeu O Irixo, con 25 hectátreas afectadas.

O incendio mías grande destes días foi o que se orixinou a quinta feira pasada en Narón e que calcinou 450 hectáreas, obrigando mesmo declarar o nivel 2 pola proximidade a unha aldea da parroquia ferrolá de Covas. 

A Asociación de traballadores de incendios forestais de Galiza (Atrifoga), lembraba o pasado mes de febreiro que entre decembro e xaneiro houbo no noso país perto de 180 lumes forestais, dous terzas partes dos cales decorreron en Ourense. Certo é que se deu unha coxuntura especial: altas temperaturas, ausencia de chuvias, sequedade da biomasa vexetal e do chan... Porén, non é algo exclusivo deste inverno.