Seguros de vida para mulleres que explotan o medo ao cancro para captar clientas

Denúnciao Unión de Consumidores de Galiza.

Unha asociada da Unión de Consumidores de Galiza (Ucgal) empregou o servizo de asesoramento con carácter previo á sinatura de contratos de consumo que ofrece a entidade para examinar en detalle o contrato dun seguro de vida exclusivo para mulleres. Un formato este que está a proliferar nos últimos anos e que basea o seu éxito na protección ante enfermidades como o cancro de mama ou de útero

 

Para verificar que o que asinaba era efectivamente o que lle prometeran na entidade que vendía o seguro, a Unión de Consumidores revisou a póliza e afirma que “atopou unha enorme desproporción entre as actualizacións das primas a pagar pola persoa asegurada e o capital asegurado”. Así, por exemplo, explican, se a primeira prima é de 300 euros en doce anos sería tres veces máis cara e en vinte anos, dez. “O que converte un seguro, a priori, economicamente apetecible nun demasiado caro para as coberturas que oferta”. 

 

En canto ó gancho publicitario deste produto, a cobertura dos diferentes tipos de cancro que afectan ás mulleres, a letra pequena contaba outra historia, sosteñen desde Ucgal.” O seguro atrae ás potenciais clientas con protección económica ante os cancros de maior incidencia nas mulleres pero na práctica reduce á mínima expresión as posibilidades de acceder ó capital económico en caso dunha enfermidade destas características”.

 

Así, por exemplo, as cláusulas de exclusión da póliza excluían os tumores benignos e os “potencialmente pouco malignos”, sen especificar quen determina a malignidade dun tumor e en base a que baremos. Así, unha muller con este seguro podería estar pagando durante anos as primas e, chegado o momento, non percibir indemnización algunha malia ter un cancro de mama.