Seguridade e salvamento marítimo das costas galegas seguen a decidirse en Madrid

O 'Blue Star', un quimiqueiro de 128 metros de eslora, embarrancou en 2019 en Ares. (Foto: I. V)

A demanda de transferencias destas competencias topou coa oposición do PP e do PSOE no Congreso e, no Parlamento galego, dos populares.

PP e PSOE rexeitaban no Congreso hai agora unha década traspasar a Galiza as competencias de salvamento marítimo e contaminación mariña ao considerar que se trataba dunha atribución que a constitución española outorgaba en exclusiva ao Estado e non é "fraccionábel".

Así o manifestaran os portavoces de PP e PSOE no Pleno do Congreso durante o debate da toma en consideración dunha proposición de lei defendida polo BNG que a transferencia destas competencias, o que permitiría unha "maior protección" das costas.

En 2019, e xa no Parlamento galego, o PP vetaba unha proposta nesta mesma liña: reivindicar a transferencia a Galiza das competencias sobre salvamento marítimo. O PSdeG abstívose.

A día de hoxe as competencias en materia de seguridade, salvamento marítimo e loita contra a contaminación seguen sendo xestionadas desde Madrid. A Xunta da Galiza ten competencias en augas interiores mais non fóra do límite de costa, onde se concentra a maior parte do tráfico de mercadorías perigosas e das verteduras que ameazan o litoral galego. 

Esta fin de semana, desde a praia onde se coordinaba un grupo de voluntarios e voluntarias contra a marea plástica, a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) reivindicaba que a Galiza tivese competencias neses campos.

“A resposta contra unha vertedura e a coordenación dos medios sería máis efectiva se dependera da Administración galega e non do Ministerio. As competencias en vixilancia e salvamento marítimo non están transferidas a Galiza o que introduce un chanzo administrativo máis na cadea de decisións que debería ser o máis curta posíbel, alén de supoñer unha fonte de posíbel liorta política, como foi o caso”, indicaba este colectivo.

Non é a única competencia en cuestión de mar que na Galiza depende de Madrid. A Galiza ten 1.720 km de costa, unha frota pesqueira de máis de 4.200 embarcacións, 128 portos e perto de 20.000 traballadores e traballadoras no sector do mar. Mais non ten un órgano propio para a investigación de sinistros marítimos e as competencias en Salvamento Marítimo seguen en mans do Goberno español.

A traxedia do Vila de Pitanxo é  investigada pola Comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAM), adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Este organismo, creado en 2008 ten recibido máis de 2.500 notificacións de accidentes marítimos e publicou 400 informes das investigacións, moitas delas sobre sinistros de buques galegos en augas galegas, xa que a Galiza non ten un órgano propio neste eido malia ter as competencias en rías e augas interiores.

A propia Xunta de Alberto Núñez Feixoo desbotou no seu día que a Galiza tivese un organismo con esta finalidade argumentando que xa existía o do Goberno español e mesmo que cabía a posibilidade de que se nomeen para el membros das comunidades, se ben esta decisión corresponde ao Executivo estatal.