Seguranza de Renfe en Compostela alega ''ordes de arriba'' e manda retirar unha bandeira da Galiza ''por ser política''

[Imaxe: SG]

Era o único símbolo presente nunha estación de comboios ateigada de cidadás e cidadáns que quixeron mostrar a súa solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Angrois


Unha traballadora da equipa de seguranza privada da Renfe en Compostela alegou "ordes de arriba" para exixir a un cidadán que "baixase" a bandeira da Galiza que sostiña, co pau apoiado no ombreiro. O mozo negouse a facelo, alegando que "é a bandeira de todos e todas as galegas". 

Era o único símbolo presente nunha estación ateigada de persoas que quixeron mostrar a súa solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario acontecido esta cuarta feira no lugar de Angrois, ás portas de Compostela. "É porque é política", alegou a traballadora, quen volveu insistir en que "eu non che mando facer nada, só acato ordes de arriba". O cidadán explicou, máis unha vez, que non agocharía a bandeira e continuou con ela ergueita até o remate da concentración. 

En conversa con Sermos Galiza, J.P. revolveuse contra a actitude manifestada pola equipa de seguranza e explicou que decidira levar a insignia nacional "para a lucir con máis orgullo que nunca" após seren refutadas as especulacións que se fixeron desde a imprensa ao redor da causa do sinistro "e ter que estar coa cabeza agachada namentres o Goberno español deixaba circular o bulo do atentado".