Esta segunda feira arranca un cribado masivo entre adolescentes mediante tests de saliva

Mostras para a realización de probas PCR mediante o sistema de 'pooling' na área sanitaria de Vigo. (Foto: Xunta da Galiza).
Máis de 51.000 mozos e mozas de entre 12 e 17 anos de Pontevedra poderán achegarse a unha farmacia para recoller o tubo correspondente e deixar a súa mostra.

Perto de 400 farmacias de Pontevedra participarán no programa de cribado masivo deseñado pola Consellaría de Sanidade en colaboración co Colexio de Farmacéuticos. Comeza esta segunda feira e vai dirixido a adolescentes de entre 12 e 17 anos para detectar casos de coronavirus que non presenten sintomatoloxía.

En total hai 52.563 mozos e mozas desa idade con cartón sanitario do Sergas, dos que 51.479 son candidatos a participar no programa. Os descartados, 1.084 menores, cumprían algún destes requisitos: terse contaxiado nos últimos tres meses, ter mantido contacto cun caso ou residir nunha residencia para persoas con discapacidade.

A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, detallou que a metodoloxía empregada neste programa será similar á do cribado realizado a persoas de entre 40 e 64 anos durante os meses de febreiro e marzo.

Consentimento informado

Neste caso, detallou, o consentimento informado dos menores de 12 a 15 anos deberá ser asinado por un pai, nai ou titor e só será preciso que estes acudan á farmacia co cartón sanitario dos nenos. Ademais, indicou que os mozos de 16 e 17 anos deberán acudir á farmacia se deciden asinar eles mesmos o documento.

O máximo diario de menores que se poderán incorporar ao programa é de 20 por farmacia . As mostras recolleranse só de segunda a sexta feira, aínda que se poderán entregar os tubos, tamén, en fins de semana e festivos.

Procedemento

Primeiro, o persoal da farmacia entregará o tubo de recollida da mostra. O menor será quen se encargue de recoller un mililitro de saliva ao erguerse, en xaxún, sen beber auga e sen lavarse os dentes.

Posteriormente, a mostra de saliva deberá entregarse na mesma farmacia, antes das 10:30 horas dese mesmo día. Esa mostra será trasladada pola distribución farmacéutica ao Laboratorio de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo para ser analizada mediante PCR co método de pooling, tras o que se comunicará o resultado por vía telefónica.

A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra incidiu en que o éxito deste cribado dependerá "da participación masiva dos mozos que, finalizadas as vacacións de Semana Santa, volveron ás aulas". Por iso, avanzou que se contactará cos colexios e institutos para solicitar a súa implicación e chamar a poboación adolescente a participar para "evitar brotes nos centros educativos".