O 1 e 2 de marzo

'As mulleres que opinan son perigosas' chega á segunda edición

Deputación de Pontevedra

O 1 e 2 de marzo deste ano celebrarase a segunda edición do programa As mulleres que opinan son perigosas no Teatro Principal de Pontevedra.

 

Após o éxito da primeira edición de 'As mulleres que opinan son perigosas', o foro volverá ter lugar o 1 e 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra. “Despois de rematar a primeira edición, démonos conta de que non ía quedar aí, aínda que nun primeiro momento o formularamos como unha edición única. Revelouse unha necesidade, tanto pola repercusión que acadou entre as relatoras, que atoparon un espazo onde se respectaba as mulleres opinadoras, como entre o propio público, as persoas que encheron o teatro e as que seguiron o foro en streaming a través de redes sociais”, explica unha das creadoras do proxecto, Diana López Varela, a Sermos Galiza.

Nesta segunda edición, segundo a xornalista, buscouse, por unha banda non repetir nin temas nin relatoras, para “mostrar que nin somos poucas nin somos irrelevantes”, e por outra banda “engadir aspectos que faltaron na primeira e que fomos recollendo tanto da opinión do público como da propia experiencia”.

“Despois de coñecer Afroféminas nunha charla en Mallorca vin a necesidade de introducir a perspectiva de raza ademais da de xénero”, explica Diana López, “pero tamén unha das cousas que nos reclamou o público foi a opinión deportiva, por iso nesta edición traeremos Gemma Herrero. Ademais, queremos incluír os novos soportes: non falar só da opinión en medios tradicionais senón tamén a través de YouTube, coma as Towanda Rebels, ou a través das redes sociais, como Carmen Magdaleno en Twitter”.


O alcalde de Pontevedra, Miguel Ángel Fernández Lores, presentou a segunda edición xunto coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, e as creadoras e coordinadoras do proxecto, Susana Pedreira e Diana López. No acto de presentación, Diana López explicou que este proxecto xurdira o ano pasado para manifestarse polo II Congreso Capital do Columnismo que deixaba fóra as mulleres xornalistas.