Radiografía do PLADIGA

Seguimos na mesma, e os lumes á volta

Ponteareas lume @VladoNeska

Quen fora director xeral de Montes da Consellaría do Medio Rural na etapa do Goberno bipartito, Alberte Blanco Casal, debulla para Sermos Galiza o contido do PLADIGA 2018, que vén de ser presentado no Parlamento galego. Blanco Casal tamén é o coordinador do libro O monte galego. Caos ou aproveitamento multinacional?, editado por Sermos Galiza en 2017. Eis un extracto da peza publicada no número 294 de Sermos Galiza.

No pasado mes de marzo tiven a oportunidade de participar como poñente na comisión especial do Parlamento galego, constituída a raíz da vaga de lumes sufrida polo noso país o pasado ano e, daquela, pareceume que as propostas que presentara gozaran de boa acollida entre todos os grupos políticos. Porén, ese inicial optimismo decaeu de forma notable cando hai uns días vin o contido do PLADIGA —Plan de prevención e defensa contra o lume— elaborado pola Consellaría de Medio Rural para o presente exercicio. Na citada comisión sinalara a necesidade de acometer unha serie de cambios imprescindibles: en canto á ordenación do monte e do territorio, á redución de especies de alta combustibilidade como o eucalipto, á recuperación das UXFOR (Unidades de Xestión Forestal), eficaces instrumentos para ampliar a dimensión das parcelas, ademais da necesidade de impulsar proxectos para o desenvolvemento multifuncional do noso monte. Tiven tamén a ocasión de incidir no ámbito da prevención e extinción de incendios, lembrando as políticas aplicadas pola Consellaría de Medio Rural na etapa de Suárez Canal, medidas que fixeron posible reducir os incendios nun 75% e a superficie queimada en máis dun 80%, un cambio radical na tendencia histórica destes indicadores

 

As propostas

 

Argumentei que se as medidas aplicadas naquela altura foran quen de producir semellante punto de inflexión o lóxico sería mantelas ou volvelas recuperar, á vista da tendencia negativa dos lumes nos últimos anos. Sobre todo, despois de observar unha evolución moi preocupante na eficacia do dispositivo, ao dispararse a superficie queimada por lume, como se indica na gráfica que acompaña este texto, ademais do incremento dos grandes incendios (>500 Ha). En consecuencia, avancei ata once medidas que considero indispensables para reorientar con éxito a política de prevención e defensa contra incendios, e que resumo a continuación:

 

  1. Primar a vixilancia preventiva con medios de detección fiables (puntos fixos e drons dotados con termocámaras para a vixilancia nas zonas de alto risco, ademais doutros medios complementarios de tipo clásico).
  2. Realizar convenios cos colectivos de risco (pastores, gandería extensiva, cazadores…) para favorecer a complicidade coa política forestal e diminuír os lumes por este motivo.

 

[Podes ler a análise íntegra no número 294 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]