"Seguimos loitando": a familia de Déhorah Fernández pide que se remita o caso á UCO da Garda Civil

Concentración en Vigo decorrida o 28 de decembro de 2021 para pedir "xustiza para Déborah" (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O corpo de Déborah Fernández apareceu nunha gabia do Rosal (O Baixo Miño), rodeado de pistas falsas, en maio de 2002. Máis de 22 anos despois, o xulgado de Tui arquivou o caso.

A familia da viguesa Déborah Fernández-Cervera, desaparecida en abril de 2002 e cuxo corpo sen vida foi atopado días despois nunha gabia do Rosal (Baixo Miño), solicitou ao xulgado de Tui que traslade as dilixencias, realizadas no seu día pola Policía Nacional, á Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.

"Este caso necesita unha nova mirada", expresou a irmá de Déborah, Rosa Fernández Cerveira, que confirmou esta solicitude por parte do equipo legal da familia, case dous anos despois de que o tribunal de instancia de Tui acordase o sobresemento e arquivo provisional, ao non haber indicios suficientes contra o único investigado, o seu ex mozo.

"Hai loitas que non fan ruído, pero non se deteñen nunca. Durante meses -case un ano e medio- tivemos que parar", sinalou Rosa Fernández-Cervera, antes de volver lamentar que "o sistema" deixou á súa familia "na estacada, sen respostas e sen solucións". "E aínda así, aquí seguimos. En silencio, con discreción, sen rendernos", expón. Ao respecto, explicou que a familia pediu que se traslade a investigación a mans da UCO, unhas pescudas que necesitan "unha nova mirada", "mentes limpas" e "unha investigación real, desde o principio".

Neste senso, apuntou que esta solicitude se debe "porque hai erros que non poden seguir marcando o destino da verdade. Non buscamos culpábeis á lixeira. Buscamos a verdade. Porque o arquivo dunha causa non pode ser o final cando quedan tantas preguntas abertas", incidiu, antes de engadir que "Déborah merece xustiza, e a súa familia, tamén".

A familia de Déborah Fernández-Cervera mantivo sempre que a investigación policial deste crime foi "unha chapuza", polo menos nos seus primeiros pasos, os decisivos neste tipo de casos, e tamén foron moi críticos coa actuación da Fiscalía e do xulgado.

Entre as irregularidades que denunciaron, está o borrado de números da listaxe de chamadas telefónicas da moza, a manipulación do disco duro do seu computador, a demora de anos en inspeccionar o coche do seu ex mozo, ou a “desaparición” do teléfono móbil de Déborah durante case 20 anos —foi localizado casualmente en 2022, en dependencias policiais de Madrid con motivo dunhas obras, aínda que sen tarxeta SIM—. Cabe destacar que o ex mozo de Déborah Fernández foi chamado a declarar en calidade de investigado por primeira vez en 2022, case 20 anos despois de que aparecese o corpo sen vida da moza.