Seguen os peches rotatorios en IES da Galiza contra o decreto dos recortes

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público retoma esta terza a campaña en Bueu. Seguirán os centros educativos da Guarda, Carballo e Ourense para culminar as protestas nunha mobilización nacional fixada para o 3 de xuño a prol do dereito a unha Educación e unha Sanidade públicas

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público retoma esta terza o calendario de peches rotatorios en centros de educación secundaria para protestar contra os recortes que contempla o Real Decreto-lei 14/2012, recentemente aprobado polo PP no Congreso sen o apoio de ningunha outra formación política.

Así, a seguinte parada das nais, pais, estudantes e docentes que fan parte do colectivo será o IES Johan Carballeira, en Bueu, onde exixirán á consellaría de Educación que se negue "rotunda e publicamente" a aplicar as medidas na Galiza e que recorra a norma perante o Tribunal Constitucional por invasión de compatencias que están transferidas a este departamento, que dirixe Jesús Vázquez.

A acción rematará ás nove da mañá da cuarta, como todos os realizados até o de agora, desde o inicio da campaña en Compostela o día 14, e terá continuidade co seguinte encerro da comunidade educativa, fixado para as catro do serán no IES A Sangriña, na Guarda. Até o de agora realizáronse un total de nove peches, e o calendario completarase, ademais destes dous, cos marcados para o 31 de maio en Carballo e o 1 de xuño en Ourense.

A protesta fai de antesala da mobilización nacional que o domingo 3 de xuño percorrerá as rúas do País en contra deste decreto, que "ataca gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar" e que, de aplicarse, suporá na Galiza o despedimento de 2.000 profesoras e profesores, tal e como explica a Plataforma.