Decenas de hectáreas arrasadas polo fogo e alerta pola proximidade ás vivendas: última hora dos incendios de Ponteceso e Camariñas

Tractores recollen auga para loita contra o incendio que comezou esta terza feira 5 de agosto en Ponteceso. (Foto: Mel Docampo)
As persoas evacuadas no municipio de Ponteceso foron levadas ao polideportivo de Corme e a unha chaira que hai próxima a esas instalacións deportivas.

O incendio que obrigou esta terza feira ao desaloxo da veciñanza da parroquia de Corme Aldea, no municipio bergantiñán de Ponteceso, xa leva 60 hectáreas queimadas, segundo a última información publicada pola Consellaría do Medio Rural a primeira hora desta cuarta feira.

As persoas evacuadas foron levadas ao polideportivo de Corme e a unha chaira que hai próxima a esas instalacións deportivas. Veciños contactados por este xornal afirmaron que as casas estaban cercadas polo incendio, as estradas cortadas e denunciaron a falta de avións e helicópteros antiincendios.

Incendio en Ponteceso esta terza feira, 5 de agosto. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Ademais, tamén preocupa especialmente o incendio forestal que permanece activo en Camariñas (Terra de Soneira), na parroquia de Xaviña, que xa queimou 50 hectáreas e no que a Xunta da Galiza decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade a varias vivendas, máis concretamente ao núcleo de Pedrouso.

Activo Ponteceso-Corme Aldea, Activada Situación 2

Continúa activo o incendio forestal no concello de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas da propia aldea. O fogo iniciouse ás 14.12 horas desta terza feira e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 60 hectáreas.

Equipos de extinción traballando contra o fogo en Ponteceso. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Até o momento, para a súa extinción mobilizáronse tres técnicos, 10 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, catro pas e tres unidades técnicas de apoio. A última hora da tarde desta terza feira puideron incorporarse aos labores de extinción dous avións, que operaron na zona malia que as condicións climatolóxicas non eran favorábeis para os medios aéreos. Ademais, participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Camariñas-Xaviña, Activada Situación 2

Segue activo o incendio forestal do concello de Camariñas, parroquia de Xaviña, no que se decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas, máis concretamente ao núcleo de Pedrouso. O fogo iniciouse ás 16.57 horas desta segunda feira e afecta unha superficie de arredor de 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse até o momento un técnico, oito axentes, 10 brigadas, seis motobombas e un helicóptero. Tamén participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Estabilizado Ponteceso-Brantuas

Desde as 23.32 do domingo permanece estabilizado outro incendio no concello de Ponteceso, parroquia de Brantuas, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 170 hectáreas. O fogo comezou ás 20.30 horas do pasado sábado e, polo de agora, mobilizáronse para a súa extinción cinco técnicos, 22 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas, dúas pas, tres unidades técnicas de apoio, tres helicópteros e 11 avións.

Controlado Ponteceso-A Graña

Segue controlado desde as 20.09 horas da segunda feira o incendio forestal da parroquia da Graña, tamén en Ponteceso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de perto de 100 hectáreas. O incendio comezou ás 00.30 horas da madrugada do domingo e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, tres técnicos, 21 axentes, 24 brigadas, 24 motobombas, dúas unidades técnicas de apoio e nove helicópteros.

Activo A Fonsagrada-Monteseiro

Mantense activo o incendio forestal do concello da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas desta segunda feira e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 90 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, até o momento, tres técnicos, nove axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, tres pas, seis helicópteros e sete avións.

Controlado Mondariz-Riofrío

O incendio do municipio de Mondariz (O Condado), parroquia de Riofrío, continúa controlado desde as 20.25 horas desta segunda feira. O fogo iniciouse ás 00.20 horas da madrugada desta terza feira e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Até o momento mobilizáronse un técnico, sete axentes, 14 brigadas, 14 motobombas, dúas pas e un helicóptero.

Controlado Vilardevós-Terroso

Mantense controlado desde as 21.47 horas desta segunda feira o incendio do concello de Vilardevós (comarca de Verín), parroquia de Terroso, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 570 hectáreas. Neste incendio foi preciso decretar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación, unha situación operativa de emerxencia que foi desactivada ás 22.15 horas do domingo.

O incendio iniciouse ás 23.04 horas da pasada sexta feira e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 58 axentes, 83 brigadas, 56 motobombas, seis pas, 12 helicópteros e 12 avións. Ademais, tamén participaron nos labores de extinción de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).