Seguen a baixar as hospitalizacións coa Covid, mais aumentan lixeiramente os casos activos e os contaxios

Unha sanitaria facendo unha proba de antíxenos a unha cidadá. (Foto: Jorge Peteiro / Europa Press)
A segunda fin de semana tras o final do estado de alarma mantense cunha caída da presión hospitalaria no país, con 139 persoas ingresadas por Covid-19, sete menos que a xornada pasada. Os casos activos e os contaxios aumentan lixeiramente, até os 2.685 (+10) e 184 (+8), respectivamente.

A segunda fin de semana tras o final do estado de alarma continúa polo momento cunha caída da presión hospitalaria, cun total de 139 persoas hospitalizadas con Covid-19, sete menos que hai un día. Con todo, nas últimas horas experimentaron leves aumentos os novos  contaxios detectados, até os 184, mentres que os casos activos sitúanse en 2.685, unha decena máis.

En canto á presión hospitalaria, segundo os datos actualizados na mañá deste sábado pola Consellaría de  Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas desta sexta feira, a baixada explícase polo acusado descenso das pacientes en planta, até 108 –oito menos que hai 24 horas–, xa que as que permanecen en unidades de coidados intensivos creceron en unha soa persoa, ata os 31 enfermos.

Por áreas sanitarias, as ingresadas caeron en catro das sete. Tan só aumentou na de Pontevedra-O Salnés, con 22 hospitalizados –dous máis–, dos cales seis –uno menos– están na UCI; e na de Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, con oito pacientes –un máis–, mentres en críticos só permanece un –sen variacións–.

Á súa vez, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras non experimentou ningún cambio en canto á cifra de ingresadas, cun total de 11, aínda que si variaron as de coidados intensivos, onde permanecen catro persoas con Covid, unha máis.

En canto ás áreas que reducen a súa presión hospitalaria, lidera a caída a de Santiago-Barbanza, con 17 ingresadas –cinco menos– , dos cales tres están na UCI –unha menos–.

Tamén descenderon na da Coruña-Cee, até as 38 –tres menos–, seis delas en coidados intensivos –unha menos–; na de Vigo, até os 39 –unha menos–, a pesar do aumento a nove na UCI –unha máis–; e na de Ferrol, onde son catro as ingresadas –unha menos–, aínda que nun só día pasaron de cero a dous os que están críticos.

Aumento de casos activos

Pola súa banda, os casos activos romperon coa cadea de tres xornadas consecutivas de tendencia descendente no país ao aumentar nos datos deste sábado até os 2.685, que supoñen 10 máis. Isto débese a que os novos diagnósticos superaron ás altas nas últimas 24 horas.

Este ascenso hase  replicado en todas as áreas sanitarias excepto en dúas: en Vigo caeron até os 821 pacientes –once menos– e en Ourense-Verín-O Barco, até os 204 –seis menos–.

Mentres tanto, na da Coruña-Cee, aumentou a 555 os casos activos –dous máis –; en Pontevedra-O Salnés, a 371 –oito máis–; en Lugo-A Mariña-Monforte, a 206–catorce máis– ; e en Ferrol, a 91 –tres máis–. Na de Santiago-Barbanza, os pacientes de Covid mantéñense sen variacións, nos 437.

Lixeiro ascenso de contaxios

En canto aos  contaxios de Covid-19 detectados no conxunto da Galiza mediante calquera tipo de proba, ascenderon lixeiramente a 184. Esta cifra supón un ascenso de oito con respecto ao día anterior, pero é que ademais é a máis alta de toda a semana.

Do total, 158 positivos foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 45 corresponden á área de Vigo; 40 á da Coruña; 21 á de Santiago; 20 á de Pontevedra; 18 á de Lugo; oito á de Ourense; e seis á de Ferrol.

Deste xeito, os contaxiados de covid-19 en Galicia desde o inicio da pandemia ascenden a 125.727, dos que 30.240 corresponden á área da Coruña; 24.721, á de Vigo; 19.748, á de Santiago; 15.621, á de Ourense; 14.130, á de Pontevedra; 12.724, á de Lugo; e 8.543, á de Ferrol.

Con respecto á taxa de positividade, baixou ata o 2,6%. Así, prosegue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Decesos e curadas

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 no país mantéñense nas 2.410 despois de que a Consellaría de  Sanidade non notificase esta sexta feira ningún novo deceso.

Fronte a isto, curáronse na Galiza deste virus até o momento 120.656 pacientes desde o inicio da pandemia, 172 persoas máis que as contabilizadas ata a xornada anterior.