Seguen aumentando os novos contaxios, desta vez 1.247 en 24 horas

Un traballador sanitario dunha ambulancia protexido contra a Covid-19. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A sexta vaga continúa en ascenso e a unha semana da celebración de Nadal os casos activos de Covid-19  sitúanse en 14.346. Os casos novos mantéñense por terceiro xornada consecutiva por enriba do milleiro. Os pacientes hospitalizados ascenden a 277 e a taxa de positividade mantense nun 11%.

Sete días para o Nadal e continúan en aumento os novos contaxios. En 24 horas chegaron a 1.247, que implican 26 máis que os 1.221 do día anterior, tras os 1.140 da cuarta feira, fronte aos 873 da terza feira, despois de comezar esta semana con 1.070. A sexta feira anterior, o 10 de decembro, notificáranse 988.

Galiza supera os 14.000 casos activos por Covid-19 ao ascender a 14.346 como consecuencia dos novos contaxios.

Segundo os datos publicados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta feira, os pacientes hospitalizados por sta causa aumentan lixeiramente a 277 -un máis-, mentres que a taxa de positividade no conxunto do país mantense nun 11%.

Alén diso, descenden a 47 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 na Galiza -dúas menos- e aumentan a 230 as hospitalizadas noutras unidades -tres máis-, mentres que 14.069 pacientes atópanse en seguimento nos seus domicilios.

Aumenta a presión sanitaria en tres áreas

A presión hospitalaria aumenta en tres do sete áreas: A Coruña-Cee, Santiago-Barbanza e Ferrol; alíviase na de Vigo; e mantense nas de Ourense, Lugo e Pontevedra-O Salnés.

En concreto, na área da Coruña e Cee aumentan a seis as persoas ingresadas en UCI pola Covid -unha máis- e a 29 os ingresados noutras unidades -tres máis-, mentres que na de Santiago e Barbanza descenden a dúas o críticos -unha menos-, pero aumentan a 19 os doutras unidades -dous máis-.

Na de Ferrol soben a tres as ingresadas en UCI pola Covid -unha máis- e mantéñense seis noutras unidades; mentres que na de Lugo aumentan a catro o críticos -un máis-, mais descenden a 11 os doutras unidades -unha menos-.

A maior baixada foi na área sanitaria de Vigo, onde descenden a 20 os pacientes Covid en UCI -tres menos- e baixan a 73 os ingresados noutras unidades -dous menos-; mentres que na de Ourense, aínda que caen a catro o críticos -un menos-, ascenden a 57 as persoas en planta -unha máis-.

Sen cambios mantense a área de Pontevedra e O Salnés, con oito pacientes en UCI pola Covid e 35 ingresados noutras unidades de hospitalización.

Vigo segue con máis casos activos

Os casos activos de Covid-19 continúan en ascenso a unha semana da celebración de Nadal e sitúanse en 14.346, ao haber máis contaxios (1.247) que altas (732), ao que se engaden catro falecementos.

Con máis casos activos segue a área de Vigo, con 4.561; seguida da de Ourense, con 2.797; Pontevedra e O Salnés, con 2.215; A Coruña e Cee, con 2.098; Santiago e Barbanza, con 1.248; Lugo, con 891; e á cola mantense a de Ferrol, con 536.

As infeccións activas ascenden no sete áreas sanitarias galegas, coa de Santiago e Barbanza á cabeza (+125), seguida da da Coruña e Cee (+112), Pontevedra e O Salnés (+110), Vigo (+83), Ourense (+42), Lugo (+25) e Ferrol (+14).

Segundo os último datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde desta pasada quinta feira, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 497,37 casos por 100.000 habitantes, polo que segue a incidencia por enriba da media do Estado español, que está en 472,90.

Taxa de positividade das probas PCR

En relación á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, descende lixeiramente un 11,68%, após situarse no 11,84% esta quinta feira; descender até o 9,24% a cuarta feira, situarse no 10,79% a segunda e comezar esta semana no 14,82%. Por iso, mantense por enriba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Catro novas mortes

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza ascenden a 2.714, ao notificar esta quinta feira a Consellaría de Sanidade catro novas vítimas.

En concreto, dous destes falecementos tiveron lugar na xornada da cuarta feira. Trátase dun home de 66 anos que morreu no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) e doutro de 88 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Pola súa banda, esta quinta feira pasada faleceu un home de 74 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e unha muller de 88 anos no CHUO. Todos eles presentaban patoloxías previas.