Segue en Pontedeume a loita d@s praceir@s: após seren expuls@s do mercado, dormen na rúa

[Imaxe: SG]

Levan desde o 4 de novembro sen poderen traballar. O Concello, gobernado polo PP, quere que se transladen a unhas instalacións provisorias que non reúnen as condicións de espazo e acondicionamento que fan falla para a conservación dos produtos e non teñen tampouco autorización de Sanidade.  


Após o desaloxo pola forza que acometeron axentes antidisturbios, garda civil e policía local no mercado de Pontedeume na segunda feira 18 de novembro, @s praceir@s que teñen un posto na praza transladaron á rúa as súas reivindicacións. Nos soportais do propio mercado residen desde aquela, á espera de que o Concello, gobernado polo popular Gabriel Torrente, lles dea unha solución que remate cunha situación que lles impide traballar e que se prolonga xa desde o 4 de novembro.

Contou Carme López, voceira dest@s traballador@s, que foi esa segunda feira "o último día que nos deixaron vender, con todos os prexuízos económicos que iso carrexa para nós e para os empregados, e prexuízos tamén para a nosa saúde". Nos soportais pasan os días mais tamén as noites "e se nos botan non nos resistiremos, igual que non nos resistimos cando nos botaron do mercado malia o despregamento da policía", subliña López, enfatizando que iso non suporá o cesamento na loita: "se temos que ficar no medio da rúa, ficaremos". 

Non se negan ao translado, mais esixen "legalidade"

A campaña de desinformación que apoñen ao propio Concello levou @s praceir@s a realizar esta quinta feira un reparto de follas voandeiras polas caixas do correo de todo o municipio "para que a xente saiba o que pedimos". Tal e como explicou a propia Carme López en conversa con Sermos Galiza, non se opoñen ao translado ás dependencias provisorias que o Goberno local lles habilitou na zona do porto namentres acometen obras de mellora no tellado do mercado.

O que rexeitan é que non exista ningún documento por escrito onde figuren as condicións en que se realiza ese translado, subliñando o seu carácter provisorio, así como que no novo emprazamento os postos son moi pequenos e non están acondicionados para conservar os alimentos. Serían el@s propi@s @s que terían que colocar estantes e refrixeradores. Aliás, non ten permisos de Sanidade. 

Investimento "nulo" en 8 anos

En resumo: "ou que nos deixen abaixo --no porto-- os postos listos para traballar ou que nos deixen continuar arriba --no mercado--", remarca López. Canda o resto de praceir@s, denuncia o estado de abandono en que se atopan as dependencias comúns do mercado polo investimento "nulo" que nos últimos 8 anos se fixo desde o Concello.

En 2012, o BNG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para reclamar unha partida dun millón de euros para a segunda fase de rehabilitación do mercado, partida que foi vetada polo PP, o mesmo partido que está á fronte do goberno eumés. "Temos o apoio dos partidos da oposición --BNG e PSdG-PSOE--, mais tamén de persoas afíns ao propio alcalde que din sentir vergoña de lle teren votado", explica Carmen López. O grupo municipal do Bloque presentou unha moción para reprobar o alcalde. As praceir@s temen que a súa acción de protesta condicione a renovación das concesións, que nalgúns casos caducan xa en 2015.