Segue o descenso de casos activos de Covid-19, agora por baixo dos 3.700

Unha muller participa nun dispositivo de cribado masivo para detectar casos positivos de coronavirus (Rosa Veiga - Europa Press).

Os casos activos de COVID-19 en Galicia manteñen a tendencia descendente e experimentaron unha nova baixada até caer por baixo dos 3.700, mentres os hospitalizados reducíronse até os 382. Pola contra continúan as mortes con catro máis esta fin de semana.

Os datos facilitados este domingo pola Consallaría de Sanidade confirman a liña descendente dos casos activos por Covid-19 na Galiza. Despois de que este sábado o número de casos activos caese por baixo de 4.000 por primeira vez desde setembro, este domingo produciuse unha nova baixada até situarse en 3.676, o que supón 276 menos que os contabilizados a xornada anterior.

Os casos activos volven reducirse en todas as áreas sanitarias. Na da Coruña e Cee contan con 1.270 (-72), seguida por Vigo con 631 (-45),  Pontevedra que suma 492 (-49) e Santiago-Barbanza que rexistra 405 (-46). Así mesmo, Lugo, A Mariña e Monforte contabilizan 327 contaxiados (-12), Ferrol conta con 321 (-38) e en Ourense, Verín e O Barco hai 230 (-14)-.

Persoas ingresadas

Os hospitais galegos contan con 382 persoas ingresadas con coronavirus (-10), das que 80 permanecen en coidados intensivos (-2). O número de hospitalizados diminúe nas áreas sanitarias de Santiago e Pontevedra, mentres na Ferrol mantense estable e crece nas da Coruña, Lugo e Ourense.

A área sanitaria da Coruña e Cee permanece como a que presenta máis contaxiados hospitalizados 135 (+2) aínda que se manteñen en 29 os que se atopan en UCI.

Tamén soben os ingresos nos hospitais da zona de Lugo, A Mariña e Monforte, que contan con 33 ingresados (+4), dos que nove se atopan en UCI (-1). Ademais, na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco hai 28 ingresados (+2), tres deles en UCI (+2).

A área sanitaria de Ferrol mantense sen cambios no número de ingresos, que suman 40, e a parte deles que permanecen en UCI, seis. Aínda que en Vigo caen a 59 os hospitalizados (-3), no apartado de críticos hai un máis até chegar a 15.

Pola súa banda, os hospitais da área de Santiago e Barbanza contabilizan 58 pacientes con COVID-19 (-4) dos que 11 (-2) se atopan en coidados intensivos. Da mesma maneira, redúcese a presión hospitalaria nos centros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que rexistran 29 pacientes con coronavirus (-6), dos que 7 están en críticos (-6).

Contaxios novos

Desde o inicio da pandemia confirmáronse 113.633 contaxios na Galiza. Na última xornada detectáronse 137 novos casos mediante distintos tipos de probas, 112 deles, a través de PCR. Así, por segundo día consecutivo, produciuse un descenso nos positivos diarios diagnosticados, que se reducen en 47.

Por áreas sanitarias, A Coruña suma 50 novos casos, Vigo, 22 máis; en Lugo hai 19 novos contaxiados, en Santiago detectáronse 15 e en Ourense rexístranse 13 diagnosticados máis. Séguenlle Ferrol, con 11 novos positivos, e Pontevedra, con sete.

Das 113.633 persoas contaxiadas na comunidade desde o inicio da pandemia, 27.253 corresponden á área da Coruña; 21.365, á de Vigo; 18.081, á de Santiago; 14.641, á de Ourense; 12.469, á de Pontevedra; 11.786, á de Lugo; e 8.038, á de Ferrol.

Taxa de positividade

A porcentaxe de infeccións por test PCR realizados, denominada taxa de positividade, rexistrou unha baixada notábel desde un 2,4% até un 1,3% e mantense por baixo de 5%, a que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da chegada da Covid-19 faleceron na Galiza 2.268 diagnosticados de coronavirus, tras notificar as autoridades sanitarias este sábado catro novas vítimas.