Segue a aumentar a presión hospitalaria e os casos activos abeiran os 6.000

Corredor de hospital (Foto: Europa Press).

Menos de 300 novos contaxios nunha xornada na que tamén se reduciron as PCR.

Galiza rexistrou menos de 300 novos positivos de Covid-19 confirmados por PCR na última xornada, na que, no entanto, continuaron a aumentar tanto os casos activos como a presión hospitalaria.

En concreto, segundo os datos publicados na web da Consellería de Sanidade, con cifras até as 18:00 horas da segunda feira, na Galiza detectáronse en 24 horas 298 casos por PCR, 124 menos que o día anterior.

A cifra de PCR realizadas tamén diminuíu, até as 4.209 (896 menos) e a taxa de positividade caeu ao 7,3%, se ben continúa por riba do 5% indicado pola OMS como limiar a non superar para un control da pandemia.

No entanto, a presión hospitalaria de pacientes Covid continuou crecendo e xa son 398 os ingresados (+10), dos que 56 están na UCI (+2).

Por áreas sanitarias, a que ten unha maior cifra de pacientes Covid hospitalizados é A Coruña-Cee, con 98 (-4), dos que 17 están na UCI (-2). A continuación sitúase Santiago-Barbanza, onde os enfermos que requiren hospitalización aumentaron en sete, até 93, 13 en coidados intensivos (+1).

En canto aos casos activos, no conxunto da Galiza aumentaron, unha xornada máis, até os 5.991, 86 máis que os datos do día anterior.

Por áreas, a de Santiago-Barbanza continúa sendo a que ten maior cifra de casos activos, 1.336, nove máis que hai 24 horas; seguida da da Coruña, con 1.224, 31 máis. Vigo, onde os casos activos diminuíron en 21, sitúase en 1.113.

En total, faleceron 1.421 persoas, sete no último parte de vítimas comunicado pola Consellería de Sanidade.